Copergo, a cooperativa da Agolada abre as súas portas á veciñanza cunha xornada especial o día 12
- Laura Moure

- hace 3 días
- 1 Min. de lectura
A entidade convida a socios e a veciñanza en xeral a coñecer as instalacións, á nova directiva e o seu funcionamento
Laura Moure/Agolada
A cooperativa COPERGO de Agolada celebrará mañá, martes 12 de maio e coincidindo coa feira mensual, unha “Xornada de Portas Abertas” baixo o lema “Na nosa cooperativa, o rural ten futuro”, unha iniciativa pensada para achegar á veciñanza o funcionamento da entidade e reforzar o vínculo co tecido rural da comarca.

A actividade desenvolverase entre as 12:00 e as 17:00 horas nas instalacións da cooperativa, situadas no Polígono Industrial de Agolada, número 5. Durante a xornada, socios, socias e público en xeral poderán coñecer de primeira man os servizos e instalacións da cooperativa, así como descubrir os cambios recentes e a nova directiva.
PUBLICIDADE
Desde COPERGO destacan que esta cita busca converterse nun espazo de encontro para o rural, fomentando a participación e o sentimento de comunidade arredor do cooperativismo agrario. Ademais, os asistentes poderán desfrutar dun ambiente distendido con pinchos e viño para socios/as e veciñanza.
Entre os obxectivos da xornada están tamén mostrar o papel clave das cooperativas no desenvolvemento económico e social do rural galego, así como animar á participación activa da comunidade no futuro do sector.
PUBLICIDADE
Baixo a mensaxe “Máis que unha cooperativa, unha comunidade que medra xunta”, COPERGO fai un chamamento aberto á participación da veciñanza nun día pensado para compartir experiencias, proxectos e futuro.
Para máis información, a cooperativa facilita o teléfono 986 698 248 e os seus perfís en redes sociais.








Comentarios