top of page

Convocadas 74 prazas de auxiliar de Policía Local en 25 concellos galegos, entre eles Melide

As persoas que superen as probas serán contratadas en réxime laboral temporal ou formarán parte das listaxes de reserva ou de colaboración


Laura Moure/Melide

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o pasado martes, 7 de abril, a convocatoria do proceso selectivo unitario para cubrir 74 prazas de auxiliar de Policía Local mediante contrato temporal en 25 concellos galegos, entre eles Melide. Trátase dun procedemento que será de oposición por quenda libre e permitirá, aos que o superen, ser contratados en réxime laboral temporal nalgún dos concellos que convocan os postos ou formar parte das listaxes de reserva ou de colaboración.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través da sede electrónica da Xunta e, opcionalmente, poderán presentarse presencialmente en calquera dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días hábiles desde onte.


O proceso consta de tres probas que comezan coa proba de avaliación de coñecementos cun cuestionario de 50 preguntas sobre os contidos do temario. A segunda proba corresponde á de avaliación do coñecemento da lingua galega para as persoas que non estean exentas. Por último, na terceira proba, a de aptitude física, inclúense un exercicio de salto vertical para medir a potencia do tren inferior e outro de resistencia que consiste nunha carreira de 1.000 metros lisos.

 PUBLICIDADE

As persoas aspirantes aprobadas e as incluídas na listaxe de reserva do proceso selectivo deberán superar un curso de formación teórico-práctico na Agasp de 24 horas lectivas en modalidade presencial para ser contratadas como auxiliares de Policía Local, agás que xa o realizaran con data 2023 ou posterior. 


Os 25 concellos que convocan as 74 prazas son A Estrada, A Guarda, A Illa de Arousa, Baiona, Marín, Moaña, Poio, Soutomaior e Vilagarcía de Arousa, na provincia de Pontevedra; Arteixo, Bergondo, Boiro, Cabanas, Cedeira, Melide, Miño, Mugardos, Negreira, Noia, Oleiros, Ponteceso, Rianxo, na provincia da Coruña; xunto cos concellos ourensán de Barbadás e O Barco de Valdeorras e o lucense de Mondoñedo. A Xunta coopera desde 2017 cos concellos galegos na selección dos membros dos corpos de policía local, a través dun convenio de colaboración.


Formación Agasp 

Cómpre engadir que na Agasp tamén se están a formar actualmente ao alumnado da 18ª promoción de Policía Local, da que forman parte os aspirantes que superaron o proceso selectivo unitario para optar un cento de prazas da categoría de Policía Local en 36 concellos, ás que se suman prazas doutros municipios que convocan vacantes á marxe das oposicións unificadas.


A Agasp é o centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade en Galicia, xa que ademais de preparar as novas promocións de Policía Local ofrece accións formativas con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario e dos servizos de emerxencias que garanten a seguridade da poboación galega. Así o plan de formación continua deste ano inclúe máis de 530 cursos que suman case 21.000 horas e con máis de 17.800 prazas.

 Publicidade

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

En concreto,no eido da seguridade o plan de formación continua da Agasp para este exercicio inclúe 310 actividades formativas de case 14.000 horas con máis de 9.700 prazas reservadas para axentes da Policía Local, da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia (UPA), da Policía Nacional e da Garda Civil, así como das organizacións sindicais policiais, entre outros.


Por outra parte, o persoal dos servizos de emerxencias dispón este ano de máis de 8.000 prazas para realizar máis de 7.000 horas lectivas nas 224 accións formativas programadas para voluntarios de Protección Civil e efectivos dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), así como servizos de emerxencias municipais, axentes medioambientais e forestais e persoal de socorrismo.


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page