Comezan en Chapa, Silleda, as obras de mellora do camiño de acceso á igrexa
- Laura Moure

- hace 11 horas
- 3 Min. de lectura
A actuación incluirá tamén a dotación da traída municipal de auga
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda vén de iniciar na parroquia de Chapa as obras de mellora do camiño de acceso á igrexa ata a N-525 unha das actuacións incluídas no plan de intervencións en vías municipais do rural financiadas con cargo ao Plan Máis Provincia da Deputación de Pontevedra. Os traballos, adxudicados á empresa Construcciones Taboada y Ramos, comezaron onte con esta esta intervención permitirá acondicionar o arranque
da pista de acceso á igrexa, na zona que conecta coa N-525, un punto que viña rexistrando importantes problemas de escorrentía de augas, con afeccións ás
vivendas próximas.
A actuación prevista neste punto inclúe a instalación dun sistema de drenaxe central e unha embocadura ampliada na propia estrada nacional, co obxectivo de mellorar a canalización das augas superficiais e evitar que sigan producíndose incidencias nas vivendas e no propio vial.

A alcaldesa e responsable municipal de Obras, Paula Fernández, visitou a localidade para supervisar o inicio dos traballos. Ademais, o Concello aproveitará a execución destes traballos para dotar ao lugar da traída municipal de auga, unha actuación que se realizará con medios propios municipais. A alcaldesa e membros do goberno local mantiveron xa a
pasada semana unha reunión coa veciñanza da zona para abordar esta dotación e explicar os pasos previstos para a súa posta en marcha.
Paula Fernández destaca que esta intervención “permite resolver dúas necesidades importantes nun mesmo ámbito: por unha banda, mellorar a seguridade e o estado do camiño, solucionando un problema de escorrentías que afectaba á veciñanza; e, por outra, avanzar na extensión da traída municipal de auga, un servizo básico e moi demandado”.
PUBLICIDADE
A rexedora sinala tamén que o goberno municipal continúa traballando “cunha planificación ordenada dos recursos, aproveitando cada actuación para dar resposta ás necesidades reais dos núcleos rurais e mellorar a calidade de vida da veciñanza”.
Laro, Escuadro, O Castro e Moalde
A intervención de Chapa forma parte dun paquete máis amplo de melloras en camiños municipais de Sestelo, O Castro, Moalde, Laro e Chapa, cun investimento próximo aos 100.000 euros. Estas obras foron impulsadas polo Concello de Silleda con cargo aos fondos do Plan Máis Provincia da Deputación de Pontevedra, liberados tras a colaboración entre o Concello e a Xunta de Galicia para a cofinanciación da Avenida do Parque.
As actuacións previstas inclúen, de xeito xeral, a mellora da capa de rodadura con mestura bituminosa en quente, fresado de entronques, limpeza e execución de drenaxes, cunetas transitables revestidas de formigón e a instalación de tubaxes en puntos concretos para garantir o correcto desaugue das augas superficiais.
PUBLICIDADE
Ademais da intervención en Chapa, o proxecto contempla melloras en Sestelo, na parroquia de Escuadro; en Eirexe, na parroquia de Moalde; en Penanegra, na parroquia de O Castro; e en Forcas, na parroquia de Laro, onde se executará un novo firme de formigón armado debido á estreiteza do vial e ao mal estado do pavimento actual.
Estas actuacións forman parte da aposta do goberno municipal por seguir mellorando a seguridade, a accesibilidade e os servizos básicos nos núcleos rurais de Silleda, atendendo ás demandas da veciñanza e completando outras intervencións que se están a desenvolver nas distintas parroquias do municipio.








Comentarios