Comezan as obras de mellora exterior na escola infantil A Galiña Azul de Silleda
- Laura Moure

- 5 ago 2025
- 2 Min. de lectura
O Concello acometerá tamén a creación dun novo espacio de patio exterior para os mais pequenos
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda vén de iniciar as obras de reposición da pintura exterior do edificio da Escola Infantil A Galiña Azul, situada na rúa da Estación nº 2. Os traballos desenvolveranse durante o mes de agosto, coincidindo co período no que o centro permanece parcialmente ocupado polo campamento de verán.

As actuacións inclúen a limpeza dos paramentos exteriores mediante hidrolimpadora, a retirada das capas de pintura deteriorada, a aplicación de fixador e o pintado con tres mans de pintura exterior, así como a reposición da pintura do peche perimetral que dá á Rúa da Estación.
O orzamento total da obra ascende a 6.491,13 euros (IVE incluído), e foi adxudicada á empresa Manuel Ángel Montoto Da Costa, mediante contrato menor. A actuación conta coa colaboración do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, que compensará parte do custo na liquidación anual co Concello.
Publicidade
A concelleira de Educación, Ángela Troitiño, explica que “era unha actuación moi necesaria, tanto polo deterioro que presentaba a fachada como pola imaxe que ofrece un servizo público tan esencial como é a escola infantil”. Engade que “o obxectivo é que as instalacións estean en boas condicións antes do inicio do curso e que as crianzas poidan volver a un espazo máis coidado, acolledor e seguro”.
Novo patio para a Galiña Azul
Ademais, a rexedora informa que o Concello acometerá nas vindeiras semanas a construción dun novo muro separador para ampliar o patio exterior da escola infantil, unha obra que se executará tamén durante as vacacións escolares.
Publicidade
Esta actuación será posible grazas ao acordo acadado entre o Concello, a Xunta de Galicia e o Consorcio, que permite que parte do patio do CEIP de Silleda pase a ser utilizado polo alumnado da Galiña Azul. Trátase dunha zona ata agora sen uso no patio escolar, que quedará dividida e acondicionada como espazo exterior para os máis pequenos.
Con esta intervención, o goberno local continúa mellorando os servizos educativos do municipio, reforzando espazos clave para a conciliación e o benestar das familias.








Comentarios