Os traballos supoñen un investimento de máis de 150.000 euros
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda vén de iniciar os traballos da que será a segunda fase da Rede de Calor con Biomasa, un proxecto pioneiro e respetuoso co medio que a abastece de calefacción e auga quente a varias dependencias municipais e privadas dende finais de 2018. A empresa Veolia Servicios Norte SAU, adxudicataria desta obra, que suporá un investimento de 151.116 euros, xa comezou ca apertura de zanxas para a canalización na rúa Morón.
O prazo máximo de execución dos traballos é de dous meses. O Concello de Silleda recibiu unha subvención do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para acometer estas obras a través do Instituto para a Diversificación e o Aforro de Enerxía (IDAE). O alcalde, Manuel Cuiña, lembra que dende a súa posta en marcha a finais de 2018 a Rede de Calor con Biomasa “demostrou non só ser unha instalación rentable senón que se convertiu nun referente a nivel do Estado”, indica.
A día de hoxe a Rede de Calor, que ten as súas instalacións nunha parcela municipal, abastece de calefacción e auga quente sanitaria a cinco instalacións: a Escola Infantil A Galiña Azul, o pavillón deportivo César G. Fares, o campo de fútbol de Outeiriño, a Residencia e Centro de Día dos Maiores e tamén ao Hotel Vía Argentum. Na primeira fase, que se estrenou en outubro de 2018, construiuse a planta de produción de calor, así como as subestacións e unha rede de tubaxe de máis dun kilómetro de lonxitude.
Con este novo proxecto a rede amplíase para dar servizo a actual Casa da Cultura, na rúa Progreso, onde se trasladará a Casa Consistorial. A rede existente ampliarase noutros 800 metros ademais de instalar no edificio unha subestación de 127,5 kw de potencia máxima.
Con esta actuación prevese que se reducirán en 7,68 toneladas de CO2.
Premio Galicia de Enerxía ao mellor proxecto de enerxías renovables
En 2018 a rede de Silleda foi unha das protagonistas da VI Noite de Enerxía, a gala de entrega dos premios outorgados pola Asociación de Enxeñeiros Industriais de Galicia, ao recibir a Rede de Calor o premio Galicia ao mellor proxecto de enerxías renovables con esta instalación pioneira.
A actuación, que superou o millón de euros, comezou coa compra da parcela onde se sitúa a planta á Fundación Semana Verde. Aos 816.587 euros da instalación, financiada nun 80% polo INEGA e o 20% restante polas arcas municipais, a través do Plan Concellos da Deputación, súmouse a compra da parcela na que se instalou a central de produción, con 138.336,75 euros aportados polo organismo provincial a través do mesmo programa.
Manuel Cuiña indica que a obra supón un novo paso dunha instalación que non só redundará nun maior aforro económico para as arcas municipais senón que suporá un maior redución de emisións contaminantes.
Comments