top of page

Comeza a instalación do alumeado de Nadal nas rúas de Silleda

O acendido será na primeira fin de semana de decembro e o Concello presentará esta semana a programación cultural dese mes


Laura Moure/Silleda

Na xornada deste martes comezou a instalación do alumeado de Nadal en Silleda, que se prenderá na primeira fin de semana de decembro e continuará ata a xornada do Día de Reis. Ao igual que en anos anteriores instalaránse elementos decorativos nos dous cascos urbanos e tamén cadanseu arco nas principais localidades de acceso ao municipio (Taboada, Laro e Lamela).


A empresa adxudicataria é Noroinstal, que continuará nas vindeiras xornadas realizando a instalación dos elementos na vía pública. Tamén se decorarán espazos como prazas e fachadas de edificios públicos. O investimento deste ano no alumeado de Nadal é de 15.000 euros, igual que en anos anteriores.

Ademais, dende o Concello volve organizarse por segundo ano consecutivo o certame #SilledaFaiNadal, un concurso de decoración aberto a toda a veciñanza, no que se pode participar a título persoal ou colectivo (dende asociacións, barrios, colectivos, agrupacións veciñais…). Ademais de fomentar a creatividade e a participación, con este certame tamén se busca axudar á economía local. Así, os 2.075 euros en premios que se repartirán consistirán en vales para gastar no comercio e na hostalería do municipio silledense.


O prazo de participación está aberto ata o 10 de decembro e tanto as bases como os formularios de inscrición están dispoñibles na páxina web. Así mesmo, o Concello de Silleda colabora na campaña do colectivo ECOS. A programación de Nadal no Concello de Silleda darase a coñecer nesta mesma semana, con propostas para todos os públicos. Como vén sendo habitual a programación enviarase a todos os domicilios para informar á

veciñanza.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page