top of page

Comeza a colocación da iluminación de Nadal no concello de Silleda

Onte púxose en marcha a instalación do alumeado nas rúas de Silleda e o encendido será o venres 8 de decembro


Laura Moure/Silleda

Onte, xoves, comezouse a instalar o alumeado de Nadal no municipio de Silleda. O encendido está previsto para o vindeiro venres 8 de decembro e continuará ata o Día de Reis. Instalaranse elementos decorativos nos dous cascos urbanos (Silleda e Bandeira) e tamén arcos nas principais parroquias de acceso ao concello (Taboada, Laro e Lamela).

A empresa adxudicataria do contrato é Noroinstal, que seguirá nas vindeiras xornadas realizando a instalación dos elementos na vía pública. Tamén se decorarán prazas e fachadas de edificios públicos. O investimento deste ano no alumeado de Nadal é de 16.900 euros (IVE incluído).


Publicidade

Ademais, dende o Concello volve organizarse o certame #SilledaFaiNadal, un concurso de decoración navideña aberto a toda a veciñanza, no que se pode participar a título persoal ou colectivo (dende asociacións, barrios, colectivos, agrupacións veciñais…). Búscase fomentar a creatividade e a participación, pero tamén axudar á economía local. Así, os 3.175 euros en premios que se repartirán consistirán en vales para gastar no comercio e na hostalería do municipio silledense.


Publicidade

Como novidade deste ano, o sistema de elección das persoas gañadoras de #SilledaFaiNadal estará composto por un xurado e polos “me gusta” recibidos por cada traballo na páxina oficial de Facebook do Concello de Silleda.


O prazo de participación está aberto ata o 30 deste mes e tanto as bases como o anexo de inscrición están dispoñibles na páxina web.


0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page