Silleda activa unha campaña a prol do galego durante as rebaixas
- Laura Moure
- 30 jun 2022
- 2 Min. de lectura
Laura Moure/Silleda
Dende o Concello de Silleda veñen realizándose actividades de fomento e promoción do uso do galego en diversos ámbitos da vida dos silledenses. Este ano, coincidindo unha vez máis ca tempada de Rebaixas de verán, volve activarse esta iniciativa dirixida a todos os comercios do municipio. “Entendemos que o fomento da utilización da lingua galega depende de múltiples axentes que deben traballar cun mesmo obxetivo. Dende este Departamento preténdese a promoción e posta en marcha de iniciativas que se sumen ás impulsadas por outros intermediarios nas distintas esferas da vida social dos veciños e veciñas do noso municipio”, indica a concelleira de Normalización Lingüística, Ángela Troitiño.

Estas actividades, unidas ás levadas a cabo por outras intitucións públicas e/ou privadas, supoñen un incentivo á hora de difundir e promocionar o uso do galego por parte dos veciños e das veciñas de Silleda.
As campañas comerciais nas que o volumen de interacción entre os distintos axentes implicados na compra-venta de artigos son maiores, polo que se aposta por usar a lingua galega para fomentar bos hábitos comunicativos (tanto na fala como na escrita). Froito desta intención naceu a campaña ‘O meu comercio? En galego!’, na que se englobarán as iniciativas que se leven a cabo no sector de cara a promocionar o uso do galego no comercio local.
Así, dende este mes de xullo activase a campaña Rebaixas en galego_,unha iniciativa que foi moi ben acollida por parte dos comercios en edicións anteriores. Trátase do deseño, edición e impresión dos cartaces informativos para a súa colocación durante as épocas de rebaixas nas vidrieiras, de cara a evitar a publicidade en castelán nos escaparates da rúa.
Tamén se editaron adhesivos para as vidrieiras co lema ‘Non deixes a lingua na porta, entra! Atendémoste en galego’. Son pegatinas para colocar na entrada do local comercial. A participación en calquera destas actividades é totalmente de balde para os comerciantes silledenses.

As iniciativas ‘Rebaixas en galego’ e as pegatinas ‘Non deixes a lingua na porta’ xa se poden retirar. Para obter os cartaces e a pegatinas, hai que dirixirse ao Departamento de Normalización Lingüística sito no Centro Social de Silleda, achegándose ás oficinas ou a través do teléfono 986592037. “Emprazamos a todas as persoas comerciantes a participar desta campaña que cremos tan necesaria para fomentar o uso a lingua galega no noso municipio”, sinala a concelleira silledense.
Comments