Comenzan as obras de mellora da AC-231, no tramo do Camiño do Norte, ao seu paso por Sobrado
A actuación céntrase na execución dunha senda de dous metros de ancho entre os puntos quilométricos 14+065 e 15+615
Laura Moure/Sobrado dos Monxes
A Xunta iniciou as obras de mellora de seguridade viaria na estrada AC-231, no treito coincidente co Camiño do Norte, ao paso polo concello de Sobrado dos Monxes. Esta intervención, que supón un investimento de preto de 215.000 euros, céntranse na execución dunha senda entre os puntos quilométricos 14+065 e 15+615, zona pola que discorre o Camiño de Santiago.
A senda proxectada terá dous metros de ancho, con chan seleccionado estabilizado pola marxe dereita da estrada e con gabia pola beira. Tamén se colocará tubaxe de pluviais baixo a vía, así como entradas a varios predios agrícolas.

Con esta intervención dá comezo a primeira das 39 actuacións de mellora da seguridade viaria que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vai executar este ano en cruzamentos ou treitos paralelos das rutas xacobeas coas estradas autonómicas, e que supoñen un investimento de preto de 1,8 millóns de euros.
Dáse así continuidade ás 70 obras que o goberno galego realizou o pasado ano nas marxes dos Camiños, e ás que destinou 1,4 millóns de euros. A encomenda deste ano desenvolveranse nos distintos camiños e trazados da ruta xacobea en tres provincias galegas. Na provincia da Coruña están programadas un total de 11 actuacións: nove intervencións no Camiño Norte e dous no Camiño Inglés.
Na provincia de Lugo están deseñadas no Camiño Francés seis actuacións, no de Inverno sete, no Norte dúas, e outras oito no Camiño Primitivo. Isto supón en total 23 intervencións.
Finalmente, na provincia de Ourense están previstas un total de cinco intervencións no Camiño da Prata.
En xeral, os traballos consistirán na instalación, reforzo e retranqueo de sinalización; na construción de sendas, muros, gabias transitables e pasarelas; na instalación de barreiras e varandas ou novos encamiñamentos; e en calquera outra actuación que sexa precisa para incrementar a seguridade da rede autonómica de estradas galegas no entorno dos Camiños de Santiago.
Estas obras enmárcanse na aposta da Xunta por mellorar a mobilidade, a comodidade e a seguridade viaria dos Camiños de Santiago, cun investimento nos últimos anos de 4,9 millóns de euros, ademais dos 12,6 millóns de euros das intervencións que se remataron á súa entrada en Compostela.








Comentarios