top of page
Foto del escritorecosdacomarca

Centos de persoas berran “Altri Non” en Brocos nunha foliada reivindicativa

 No quilómetro 0 do proxecto da macrocelulosa a Plataforma Ulloa Viva pediu de novo á Xunta a súa paralización


Ecos da Comarca/Agolada

A chuvia de onte non arredou ás centos de persoas que ateigaron ao longo de toda a tarde as instalacións do Clube Náutico Agolada en Brocos, no encoro de Portodemouros. Na contorna do quilómetro 0 da captación de auga que pediu Altri á Xunta de Galicia para a súa macrocelulosa en Palas de Rei, a música e os berros de “Altri Non” foron os protagonistas da Foliada organizada polo colectivo Agolada Viva da Plataforma Ulloa Viva.


Máis dunha trintena de músicos e grupos foron subindo ao longo da tarde ao escenario, un carro cun tractor que Agolada Viva escolleu para o evento coma símbolo da importancia da actividade agrogandeira das comarcas afectadas directamente polo proxecto de Altri (O Deza, A Ulloa, Terra de Melide e Arzúa). Xente do mundo da música e a cultura, chegados a Brocos dende distintos puntos de todo o país, quixeron apoiar a loita da Plataforma Ulloa Viva contra a instalación dunha macrocelulosa en Palas de Rei, e o fixeron nesta xornada reivindicativa con tintes festivos.

Asistentes á foliada onte en Brocos. Autor: Ecos da Comarca.

Na foliada participaron referentes da música tradicional coma Fransy González, Davide Salvado, Bouba pandereteiras, Xisco Feijoo ou Carlos Quintá. Tamén foron moitos os asistentes a título individual que subiron cos seus instrumentos ao escenario. Coma presentadora exerceu Dosinda, das Fillas Bravas.


Durante a xornada, representantes da Plataforma Ulloa Viva lembraron aos presentes os detalles do proxecto publicado no Diario Oficial de Galicia e que a Xunta está a tramitar. Aos pés do encoro de Portodemouros explicaron que é alí de onde Altri quere sacar ata 46 millóns de litros de auga ao día para a súa fábrica, transportalos en tubaxes 12,4 quilómetros cara Palas de Rei, atravesando o concello veciño de Santiso. A menos de 2

quilómetros de onde hoxe se celebrou a foliada, na parroquia agoladesa de O Sexo, Altri

pretende ademáis verquer ao día ata 30 millóns de litros de auga “tratados” na macrocelulosa e a 27 graos de temperatura.


A Plataforma Ulloa Viva aproveitou esta nova acción reivindicativa para demandarlle á Xunta de Galicia “que escoite á veciñanza e o clamor social contra este macrorpoxecto e

paralice a súa tramitación”. Lembran que o proxecto de captación da auga de Portodemouros recibiu xa as protestas e alegacións dos propietarios afectados e centos de

escritos en contra. E no caso do Estudo de Impacto Ambiental, a declaración de utilidade

pública e o proxecto industrial (que están a tramitar na Consellería de Economía e Industria) foron máis de 23.000 as alegacións presentadas, convertíndose nun número histórico de alegacións na historia dos proxectos industriais en Galicia.


O estado do encoro

Ana Fernández Santamarina, membro da Plataforma Ulloa Viva e técnica de augas, explicou aos asistentes o problema de eutrofización que sofre o encoro de Portodemouros. Destacou que a este problema sumaríase a actividade da macrocelulosa, “Altri pretende verter compostos orgánicos e elevar a temperatura da auga o que faría aumentar esta

eutrofización a só un quilómetro e medio deste encoro”.


Publicidade

Preme na imaxe para contactar con nós.

Os técnicos de Augas da Plataforma Ulloa Viva lembraron que o Plan Hidrolóxico vixente da demarcación hidrográfica Galicia Costa (PHG-C) é o do ciclo 2021-2027, e xa foi aprobado polo Real decreto 48/2023, do 24 de xaneiro, onde debería de estar avaliado a conciencia este proxecto polas implicacións que ten, xa que, a lo menos, produce unha modificación física dunha masa de auga (quitarlle volume de auga) e non vai ser posible acadar o bo estado da mesma para o 2027, polo que a Directiva Marco da Auga obriga á avaliacion do proxecto no Plan Hidrolóxico. “Por aquelas datas, xa era coñecido pola administración autonómica a existencia deste proxecto, pero non se publicou ninguna avaliación en profundidade do mesmo no PHG-C, e ata o ano 2028 non terá que sair á luz un novo plan hidrolóxico”.


Ademais Ulloa Viva lembra que segundo a Directiva Marco das Augas aprobada no ano 2000 tódalas masas de auga deberían estar en bó estado no 2015. No caso do encoro de

Portodemouros leva xa dúas prórrogas para acadar ese “potencial bo estado´”, e o 2027 é a data tope para cumprir coa normativa ou o Estado español será sancionado por Bruxelas, “e será a cidadanía a que pague a multa pola falta de acción das administracións e pola actividade nociva dunha macrocelulosa que pretende instalarse a toda costa neste espazo sen ter en conta os informes que alertan do seu estado”.


Diante desta situación, a Plataforma Ulloa Viva demanda da Xunta de Galicia “que poña fin a este despropósito” da macrocelulosa que Altri quere instalar en Palas de Rei “non só en contra dos veciños e veciñas senón mesmo tamén en contra da legalidade”. Ademais a

Plataforma advirte que xa alertou en Bruxelas o pasado mes de abril de que o proxecto “incumpre ata 7 directivas comunitarias”. Nun completo informe, feito por expertos en distintos eidos coma o medioambiental, socioeconómico ou patrimonial, Ulloa Viva denunciou nas institucións comunitarias que o proxecto da celulosa en Palas de Rei vulnera a Directiva de nitratos, a Directiva marco da auga 2000/60/CE, a Estratexia da

biodiversidade 2030, a Estratexia “de la granja a la mesa”, a nova Directiva na calidade do aire, a Directiva de hábitats ou a Directiva de aves.


ECOS DA COMARCA estivemos na foliada e nos vindeiros días publicaremos vídeo.

0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page