top of page

Case un cento de veciños de Vila de Cruces visitou a Praia das Catedrais este mércores

Laura Moure/Vila de Cruces

O mércores case un centenar de veciños encheron por completo os dous autobuses que o Concello de Vila de Cruces promocionou para esta primeira excursión, despois de máis de dous anos de parón. Nesta ocasión o goberno de Xuntos, decidiu que esta primeira saída fose á Praia das Catedrais, unha excursión que foi moi ben acollida, porque nun primeiro momento o Concello ofertou prazas para cubrir un autobús, que se completou nas primeiras horas de inscrición, chegando mesmo a deixar en lista de espera a máis de 20 veciños.


Ao comprobar que estas prazas eran insuficientes, o goberno de Xuntos optou por incrementar para este evento un novo autobús, e conseguir así que todos e todas os que se foron a inscribir, puidesen gozar desta excursión á Praia das Catedrais. Durante a xornada do mércores, aínda que estaba un día moi nublado, saíron dous autobuses ás 8:15 horas, que levaban un longo percorrido e itinerario.

A primeira parada fíxose en Guitiriz para ver o reloxo analemático, e tomarse un tentempé para a intensa xornada que lles esperaba, seguindo dirección a Praia das Catedrais á que chegaron ás 11 horas, horario de baixada da marea que permite acceder ao areal e desfrutar dos maxestuosos arcos de máis de 30 metros labrados polo mar nas rocas. A seguinte parada antes do xantar foi a visita ao pobo de Ribadeo, que permitiu apreciar diferentes tipos de edificios emblemáticos da cidade entre eles, A Capela Santísima Trinidade, a Praza de España e o Convento de Santa Clara, o Palacio do Marqués de Sargadelos e a Torre dos Moreno, acabando coa baixada no ascensor panorámico que libra un desnivel de 21 metros entre a parte alta da cidade e o Porto, dende o cal se pode observar a Comunidade Autónoma de Asturias que se une a Galicia pola Ponte dos Santos.


O menú degustouse no restaurante concertado, ao cal se uniu o alcalde, Luís Taboada, e a concelleira Mireya Otero, que por razóns de axenda foilles imposible ir no autobús cos demais viaxeiros, pero que non querían perderse de ningunha maneira este momento con todos e todas as/os veciños e veciñas, un acto ao que non puido acudir Julio López ao atoparse indisposto. Durante o xantar xurdiron varias sorpresas coa celebración do aniversario de dous comensais aos que o alcalde e a concelleira entregaron un anaco de torta con velas ás que sopraron ao ritmo da música, compartindo esta celebración coa veciñanza.

Unha vez rematada a comida houbo que saír apresurado porque o tempo botábase encima e aínda quedaba moito por visitar, xa que pola tarde tocou saír para Viveiro, onde visitaron A Ponte da Misericordia, A Porta de Carlos V, a igrexa de Santa María de Viveiro e a Praza Maior, e como era de esperar non podían irse de Viveiro sen visitar o Miradoiro de San Roque dende onde se podían apreciar unhas marabillosas vistas da vila e que nesta xornada acollía aos campistas do Festival Resurrection Fest.


Taboada no seu discurso dixo que "era un orgullo o poder gozar dunha comida con todos os seus veciños" e lamentouse de non poder facer toda a viaxe acompañándoos e desculpou ao concelleiro Julio López que por enfermidade non puido acudir. Así mismo avanzoulles que xa están a traballar na seguinte excursión e con máis sorpresas. "Traballaremos para fomentar este tipo de eventos onde os veciños e veciñas conviven e gozan xuntos dun día de esparexemento".

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page