"Non entendemos a desvergoña de querer impoñer a golpe de talonario o que legalmente non é posible e é socialmente inaceptable", recalca a Plataforma Mina Touro-O Pino Non
Ecos da Comarca/Touro
A Plataforma Veciñal Mina Touro- O Pino NON continúa a súa loita contra este proxecto en ambos concellos da Comarca de Arzúa. Neste caso, escribe unha carta para mostrar de novo a súa rotunda postura.
Comunicado íntegro
Touro e O Pino son dous municipios galegos xeograficamente situados ás portas da capital galega de Santiago, neles vivimos case 9.000 persoas. Polos nosos municipios discorre a etapa do Camiño a Santiago do Camiño Francés no seu último tramo antes de chegar á cidade do Apóstol, dende Ferreiros ata Amenal, apenas 20 quilómetros nos separa da capital de Galicia.
A fronteira sur de Touro coa provincia de Pontevedra, é o río Ulla, a segunda conca hidrográfica máis importante de Galicia entrando a formar parte neste tramo da Rede Natura 2000 ata a súa desembocadura a un 60 quilómetros na riquísima Ría turística e marisqueira de Arousa. Esta situación e a nosa contorna natural foi configurando a nosa economía e os nosos modos de vida centrados no sector turístico, a agricultura, a gandería, as industrias agroalimentarias, as empresas vinculadas ao sector servizos, turismo, comercio, hostalería e tamén ao forestal, todo iso en estreita harmonía co medio que nos rodea.
Somos despensa de alimentos naturais e tamén somos lugar de descanso, desfrute e acollida cunha economía sostible, xeradora de emprego en sintonía co medio natural, cultural e patrimonial no que vivimos, coidando e mantendo as nosas tradicións de xeración en xeración; non en balde somos berce de atranques dos xenerais do Ulla en tempos de Entroido. Soubemos crecer e xerar economía coidando o noso medio, e podemos dicir que a nosa comarca, aínda en tempos de pandemia mantivo uns niveis de desemprego por baixo do 10%. Non podemos por tanto dicir que os nosos municipios sexan unha zona deprimida, a pesar dos intereses creados ao redor da apertura dunha mina ao descuberto nos nosos territorios, que así o queren facer ver.
Asistimos, con intensidade desde hai catro anos, dende o noso territorio a un despregamento de medios a favor da minería que deixou a súa actividade hai máis de 30 anos aquí, cuns pasivos ambientais gravísimos nas augas e as terras. Este despregamento de medios a favor da minería non se centran na restauración ambiental, non. Con grandes apoios, de fondos europeos mesmo, pugnan por facer visible unha actividade mineira nunha contorna que unicamente coñecen nas súas contas de resultados e os dividendos que lles poida xerar. Tómanse a liberdade de impoñernos un discurso que mediaticamente cale na sociedade a conta de repetilo unha e outra vez, con grandes campañas publicitarias, de patrocinios deportivos, xornadas de lavado de cara a unha pretendida e falta licenza social.
Preguntámonos, dende o noso día a día, cando cesará o seu empeño e convencémonos que non parece ter fin. O que non queren aceptar é que a nosa sociedade e as leis xa falaron, claro e alto. Con dúas grandes manifestacións en Touro e en Santigo enchendo a Praza do Obradoiro e cunha DIA- Declaración de Impacto Ambiental- negativa e unha Resolución que confirma a denegación dun proxecto totalmente inviable e insostible legalmente e socialmente rexeitado por máis de 150 organizacións de todos os ámbitos sociais, 45 concellos de todas as cores políticas e dúas Deputacións Provinciais. Non entendemos a desvergoña de querer impoñer a golpe de talonario o que legalmente non é posible e é socialmente inaceptable.

Comments