Nones Araujo recibirá o galardón da Fundación Pedrón de Ouro en colaboración co Concello de Silleda e Mariña Pérez e Xosé Lois Rúa acadaron senllos aceses
Laura Moure/Silleda
O Mosteiro de Carboeiro acollerá este domingo día 20 ás 12:00 horas o acto de entrega dos Premios de Narración Curta Modesto R. Figueiredo, convocados pola Fundación Pedrón de Ouro, por segundo ano consecutivo en colaboración co Concello de Silleda. A cita será no marco dun recital poético-literario, enmarcado tamén no Día da Poesía que se celebrará o luns día 21.
A escritora e mestra viguesa Nones Araújo (Riós, 1953) alzouse co galardón polo relato Paseniño… a desmemoria, unha narración, a decir do xurado, breve, sen artificios, natural e realizada cunha linguaxe de moita calidade. O premio está dotado con 1.000 euros. Afincada dende nena en Vigo, Nones Araújo é mestra xubilada e suma este novo galardón a outros recoñementos como o premio Ánxel Fole de narración curta por “Imaxes Roubadas”, coa que gañou o premio en 2021.
Tamén recollerán en Carboeiro os dous aceses desta 47 edición do Certame Mariña Pérez Rei polo relato A pérfida gringa e Xosé Lois Rúa Núñez, por O fado das marafonas.
Cada un destes premios conta cunha dotación de 400 euros. Nesta edición concorreron un total de 57 traballos. O Modesto Rodríguez Figueiredo é o premio de narracións de máis anos en Galicia, e conta cun carácter itinerante facendo participes cada ano a distintos concellos de Galicia.
No acto tamén recitarán poemas a silledense Carmen Castro e o escritor Rubén Eiré (do Pen Club Galicia). Así mesmo, en nome do xurado e como mantedora glosará as obras a escritora silledense Teresa Pérez Tilve. A nota musical a poñerá un cuarteto de vento da Escola e da Banda de Música Municipal de Silleda.
コメント