O Concello de Silleda agradece a implicación da mocidade e de maneira especial a da comunidade do IES Pintor Colmeiro, artífice dos 20 traballos presentados en total
Laura Moure/Silleda
Silleda conmemorou este venres o Día das Letras Galegas ca entrega de premios do primeiro certame de vídeo creación “Presume de lingua”, convocado entre a mocidade para poñer en valor a lingua como identidade propia, así como a figura da poetisa Luísa Villalta. No acto, ao que asistiron os mozos e mozas que crearon os 20 traballos presentados en total ao concurso, ademais do visionado dos mesmos, deuse a coñecer os videos premiados. Así, tendo en conta o voto ponderado do xurado (formado por dous profesionais da comunicación, dos xornais Faro de Vigo e La Voz de Galicia) e os “gústame” na conta oficial de Instagram do Concello de Silleda, o traballo gañador foi “O misterio das Letras Galegas”, autoría de Candela Agra Otero, que recibe 200 euros.
O segundo premio recaeu en “Sí, somos galegas”, de Samara Vidal Franco (100 euros) e o terceiro, dotado con 50 euros, foi para Sandra Iglesias González, por “Aínda que nos odien”. Os premios consisten, ao igual que noutras iniciativas municipais, en vales para consumir en establecementos do municipio, tanto do comercio como da hostalería.
Publicidade
No acto interviron a concelleira de Cultura, Mocidade e Normalización Lingüística, Mónica González, e a alcaldesa, Paula Fernández, que agradeceron a participación de todos os mozos e mozas que concursaron nesta primeira edición do certame, así como da implicación especial do IES Pintor Colmeiro (todos os traballos presentados chegaron dende o alumnado das súas aulas).
Fernández Pena, que tamén aproveitou a ocasión para parabenizar o premio Cineduca do Ateneo de Santiago polo traballo “Onde está Luisa?”, poñendo en valor a figura de Luísa Villalta, fixo tamén un recoñecemento especial en nome do Concello ao director do centro, Jesús Fernández Sulleiro, que deixa a dirección do centro (trasládase como director a outro de Compostela o vindeiro curso), a quen entregou un agasallo co símbolo do mosteiro de Carboeiro. Fernández Sulleiro leva 23 anos como docente no centro, e 13 deles como director.
Publicidade
O violino do vento, o luns
Ademais deste certame, o vindeiro luns celebraráse na biblioteca municipal Daniel Castelao a actividade Luisa Villalta e o violino do vento, ás 17:30 horas, unha sesión de narración oral especialmente recomendada para a rapazada de 4 a 11 anos. No centro tamén pode verse ao longo deste mes unha mostra sobre a autora homenaxeada.
Comments