O álbum fusiona a música electrónica, os instrumentos de raíz e os elementos da natureza para facer bailar mentres avoga por tecer unha rede de coidados desde a proximidade
Laura Moure/A Ulloa
Cāldo, o primeiro LP da artista galego-arxentina Catuxa Salom, está dispoñible desde este xoves, 21 de novembro, nas principais plataformas dixitais. O álbum debut da creadora, distribuído por Altafonte, fusiona a música electrónica, os instrumentos de raíz e os elementos da natureza para facer bailar mentres avoga, enerxicamente, por tecer unha rede de coidados desde a proximidade.

Tras a romantización do rural no seu EP Nunha aldea, este outono Catuxa Salom presenta Cāldo, un disco conceptual que reflicte o duro espertar ao se decatar de que a vida no campo está lonxe da idealización bucólica que semellaba. O traballo discográfico, cheo de emocións profundas, e con cancións moito máis maduras e crúas, pon en valor o papel dos coidados e da amizade como rede fundamental de apoio.Cāldo mergúllanos nun universo sonoro único e ecléctico no que Catuxa Salom fusiona as súas raíces indíxenas arxentinas coas galegas.
O LP componse de nove pezas que nacen nun lugar concreto -a comarca da Ulloa-, pero nas que a creadora aborda cuestións universais, coma o amor propio ou a liberdade, xoga con cuestións simbólicas e até inclúe versos en francés. Instrumentos como o bombo legüero, a guitarra, o charango, a pandeireta, a voz ou o sintetizador dilúense nunha proposta rica e particular, que recolle ritmos como a muiñeira, o afrobeat, o drum and bass ou o dembow (reggaeton), e que representa á perfección o universo sonoro de Catuxa Salom: enérxico e diverso, que agroma da terra e que crece para chegar todas partes. Puro baile.O disco de Cāldo consta de nove temas:1. Amores rusos 2. Mar adentro3 . Ela cando baila 4. Instinto 5. Xa non ves 6. Hórreo 7. Aguas venir (Marcos Bayon remix) 8. Sauvage 9. Ojalá venga un indio
Publicidade
A artista
A fusión de ritmos indíxenas arxentinos, folclore galego e bases electrónicas enérxicas é a carta de presentación de Catuxa Salom, artista que irrompeu con forza na escena independiente coa publicación do seu EP Nunha aldea, sobre o achegamento ao mundo rural. Logo de percorrer ducias de salas de concertos e festivais de toda España, e compartir escenario con artistas como Rozalén, El Kanka ou Sra. Tomasa, no 2024 acada o Premio Martín Códax da categoría Músicas do Mundo e Mestizaxe.
Comments