top of page

Buxel celebra o Anxo da Garda con misas, procesión e música

Laura Moure/Agolada

Procesión este mediodía en Buxel. Autor: Ecos da Comarca.

O outono xa está aquí e con el están quedando atrás as festas de verán. Estes festexos están dicindo adeus e así unha das últimas das comarcas é a que se celebra hoxe e mañá no lugar agoladés de Buxel, na parroquia de Artoño. Conmemora o Anxo da Garda e cada ano reúne a centos de fieis.


Hoxe houbo misas ao longo de toda a mañá e pasados uns minutos da unha do mediodía comenzaba a solemne no propio campo da festa. Dende o palco, que presenta unha imaxe renovada, tres párrocos oficiaron a misa. Os devotos buscaron a sombra para escoitar o acto relixioso e despois saíu o Anxo da Garda en procesión ao redor do cruceiro do lugar e regresando ao campo da festa para recibir a bendición.


Cabe mencionar que os fies pagan cada ano unhas cotas para que o Anxo da Garda continue coa súa labor de protexer a cada membro da familia e ademais, son moitos os que prenden velas para deixar na capela e voltan a casa coa estampiña do Anxo da Garda, ese anxo que ten o gran compromiso de coidarnos ao longo de todo o ano.

É mala sorte... ou é boa sorte?

Tamén queremos facer fincapé no tema escollido polo párroco de Artoño, Don Ángel Iglesias, para falar durante a misa solemne de hoxe. Un tema que leva á reflexión. Falou de que todo o que nos pasa na vida pasa por algo, e o que hoxe nos parece malo, mañá podemos encontrarlle unha explicación positiva. Así para entendelo mellor contou que un home tiña un cabalo nunha enorme finca que vivía a corpo de rei e non lle faltaba nada. Un día cando espertou e mirou pola fiestra non o víu. Os veciños acercáronse a el e dixéronlle: "Que mala sorte.... estiveches manténdoo e agora escapa". Pero isto será mala sorte ou boa sorte? Ao cabo duns días apareceu o cabalo na finca e con el outras dúas eguas salvaxes. "Que sorte!", dixéronlle os veciños.


Días despois, o fillo do dono do cabalo quixo subirse a un destes animais salvaxes, caeu e rompeu dúas pernas. "Que mala sorte!", lamentaron os veciños. Pero.... será mala sorte ou será boa sorte?


O párroco continuou falando. Neses tempos había guerra, como a de Ucraína, e viñeron pola a aldea a buscar mozos para ir combater. Cando chegaron onda este, ao velo coas dúas pernas rotas, viron que el non valía para ir, así que quedou na casa, mentres o resto tivo que marchar a loitar.


Polo tanto, na vida moitas veces algo que hoxe nos pode doer, mañá acabaremos agradecéndoo.


Formacións musicais

Despois da misa, a sesión vermú correu a cargo da formación Mar D'Arosa que esta noite actuará xunto coa charanga Noroeste.


Mañá, xoves, haberá misa ás 12:00 e ás 13:00 horas e o ritmo poñerao Crazy e Manhattan.



0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page