O animal estaba no lugar de Xabalde, na parroquia de San Salvador de Camba
Laura Moure/Rodeiro
Hai unha semana aproximadamente que desapareceu unha vaca no municipio de Rodeiro. A xovenca estaba con sete máis nun prado no lugar de Xabalde, na parroquia de San Salvador de Camba, tal e como conta a súa dona, Marta Diéguez, que é do lugar de Bagarelas, na parroquia rodeirense de Vilela e é a titular dunha explotación de vacas de leite.
A vaca estaba preñada, de feito, é primeriza, e cumpre os nove meses o 22 deste mes. "Vírona fóra porque se botara do prado e nós fumos metela. Volveu saír e vírona máis lonxe e cando volvemos xa non había nin rastro", lamenta Diéguez, quen lle parece todo moi raro. "É un misterio. Ademais a un mozo de cerca miña desapareceulle un becerro de cinco días".
Diéguez xa presentou denuncia este domingo no Cuartel da Garda Civil de Lalín. Prégase difusión para dar co paradoiro do animal ou con algunha pista. Se alguén sabe algo pode contactar coa Garda Civil ou mesmo con este xornal a través do correo ecosdacomarca@gmail.com

Komentarze