Bos resultados para o Atletismo Deza na proba absoluta de combinadas por equipos
- Laura Moure
- 22 abr 2024
- 2 Min. de lectura
O Club tamén desprazou a uns 30 rapaces e rapazas ata Pontevedra para participar no XOGADE
Laura Moure/Deza
Esta fin de semana celebrouse en Vigo o Campionato Galego Absoluto de Equipos de Probas Combinadas e o Club Atletismo Deza estivo representado por un equipo de chicas e dous participantes de maneira individual.

Por unha banda, Valeria Pájaro e Celia Vázquez participaron por primeira vez nunha proba de combinadas e melloraron todas as súas marcas nas probas que tiveron que realizar. Ambas realizaron a proba de hexatlón que contén as probas de 100 metros balados, salto de altura, lanzamento de peso, salto de lonxitude, lanzamento de xavelina e 600 metros lisos. Ambas conseguiron ser as sextas de Galicia.
Por outra banda, Beltrán Rivas e Breográn García participaron de maneira individual. Rivas
participou no octatlón realizando as probas de 100 metros lisos, lanzamento de peso,
lanzamento de disco, salto de altura, 100 metros balados, salto con pértega, lanzamento de xavelina e 1.000 metros lisos. O mozo atleta lalinense obtivo unha gran marca e gañou boa parte das probas, conseguindo así gañar a proba sub 16 do Campionato. Breográn García realizou un total de 10 probas no decatlón: 100 metros lisos, salto de lonxitude, xavelina, salto de altura, salto con pértega, lanzamento de peso, 400 metros lisos, 110 metros balados, lanzamento de disco e 1.500 metros lisos. O deportista tamén obtivo uns bos resultados acabando 10º.
Dende o Club destacan a importancia que teñen estes resultados, xa que de maneira habitual as probas de salto de altura e con pértega non as poden adestrar en Lalín. “Ten un grande mérito que participen en probas combinadas, nas que os/as demais atletas van levar adestradas todas as probas mentres que os do Atletismo Deza, se queremos adestrar esas dúas probas temos que organizar adestramentos noutras vilas, polo tanto non participan en igualdade de condicións e aínda así acadan grandes resultados”.

Así mesmo, este domingo un grupo de 30 atletas do Club desprazáronse ata Pontevedra para participar no XOGADE. Foi unha boa xornada na que os deportistas desfrutaron das probas e tamén colleitaron bos resultados.
Publicidade
Tamén nesta fin de semana estaba convocado o atleta lalinense Diego Reboredo para unha concentración da Federación Galega de Atletismo para lanzamento de disoc, pero finalmente non puido asistir por temas persoais.
Control de marcas en Santiago
A vindeira fin de semana o Club Atletismo Deza organiza un control de marcas xunto con
Atletismo Millaraio, Santiago e Negreira en Santiago de Compostela. Realizaranse diferentes probas para todas as categorías. A finalidade é que participen os máximos atletas dos catro clubs, mais está aberto a calquera deportista que desexe realizar as probas.
O Club lamenta que esta proba non se poida realizar en Lalín pola falta de instalacións para poder levar a cabo este tipo de competicións, por iso agarda que as pistas poidan ser unha realidade na maior brevedade posible.
Comments