top of page

Boqueixón e Touro asinan un convenio de colaboración para o abastecemento de auga potable

O Concello de Touro aforrará máis de 4.000 euros diarios


Ecos da Comarca/Touro

O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato, e o alcalde de Touro, Jesús José Reboredo González, veñen de asinar un convenio de colaboración para garantir o abastecemento de auga potable de Boqueixón a Touro. Un convenio que entrou onte mesmo en vigor e que terá unha duración de un ano, tempo no que o Concello de Boqueixón se compromete a subministrar un máximo diario á rede de abastecemento de auga de Touro de 173 m3 a un prezo de 0,4013 euros/m3 (+IVE), o mesmo que se aplica a outros municipios.

Momento da sinatura do Consistorio de Boqueixón.
Momento da sinatura do Consistorio de Boqueixón.

Este convenio permitirá regular o subministro de auga a un total de 626 veciñas das seguintes localidades: A Barreiriña, A Bugalleira, O Casal, O Empalme, Millán, Coto de Millán, Outeiro de Millán, Porcariza e Vilar (na parroquia de Vilar); Corneda, Insua, Mince, Quintás e Sanguñedo (parroquia de Prevediños), A Besaña, Eirexe, Foxás de Abaixo, Grixó, A Obra, Sobredo e Tolán (parroquia de Foxás); e Bendaña e Lubagueiras (parroquia de Bendaña). Un acordo temporal supeditado á construción dun sistema de abastecemento independente no concello de Touro.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

Ovidio Rodeiro enmarca este convenio dentro “da colaboración propia de dous concellos veciños que permite que municipios do rural poidamos ofrecer aos nosos veciños e veciñas os mesmos servizos que teñen nunha gran cidade, como pode ser o Centro de Información á Muller, que mantemos conxuntamente dende 2006 con Touro e Vedra, ou iniciativas como Correntes do Ulla, as escolas deportivas de fútbol ou os recentes campamentos de verán conxuntamente con Vedra”.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

“O convenio subscrito co Concello de Boqueixón permitiranos garantir o subministro

de auga ós veciños das parroquias de Vilar, Prevediños, Foxás e Bendaña, durante o tempo que duren as obras de renovación do bombeo e da tubaxe da captación do río Lañas. As olas de calor destes deste último mes dispararon os consumos e desde o 14 de xuño vémonos obrigados a comprar auga para garantir o subministro. Ó mesmo tempo imos por en marcha unha campaña de sensibilización sobre o consumo responsable da auga, mediante comunicación individual a todos os usuarios e divulgación a través das redes de comunicación do Concello”, sinala o alcalde de Touro.

Os alcaldes visitaron as obras.
Os alcaldes visitaron as obras.

E engade que “este acordo danos seguridade e estabilidade no subministro. É, por tanto, unha medida responsable e necesaria, pensada para dar resposta ás necesidades actuais da veciñanza e para facelo nas mellores condicións posibles. Ademais, este convenio tamén supón unha vantaxe desde o punto de vista económico e de xestión municipal, xa que nos permite optimizar recursos e evitar investimentos ou actuacións de carácter urxente moito máis custosas a curto prazo. Grazas a esta colaboración con Boqueixón, o Concello de Touro pode ofrecer unha solución inmediata, viable e asumible, garantindo o abastecemento a un prezo equilibrado e sostible para as arcas municipais”.


Por último, o mandatario de Touro quere agradecer “a disposición e a colaboración do Concello de Boqueixón e do seu alcalde, Ovidio Rodeiro, porque este acordo é un exemplo de como a cooperación entre administracións locais pode traducirse en mellores servizos, máis eficiencia e maior benestar para a cidadanía. No rural, a colaboración entre concellos é fundamental, e este convenio demóstrao claramente”.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

Pola súa banda, Rodeiro Tato lembra que Boqueixón tamén presta subministro de auga potable a algunhas parroquias de Vedra e mesmo ao aeroporto de Lavacolla. “Isto é posible grazas a que a estación tratamento de auga potable de Orto ten unha capacidade de produción de 30 litros por segundo, o que significa que pode abastecer a unha poboación de case 12.000 habitantes. E en Boqueixón non chegamos aos 5.000 habitantes”, puntualiza o alcalde de Boqueixón. Unhas instalacións nas que o Concello vén de investir máis de 120.000 euros, en colaboración coa Xunta de Galicia, para instalar estacións de medición e rexistro en captacións na ETAP de Orto e no depósito do Pico Sacro, o que permitiu implantar una plataforma dixital que permite visibilizar toda a información da rede de auga en tempo real e mellorar así a súa xestión, mellorando a calidade da auga que chega aos fogares.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page