top of page

Belén do Campo destaca que a Xunta aprobou 5 axudas para Arzúa e Toques para áreas turísticas

O obxectivo é para que melloren as súas infraestruturas turísticas por un importe de 150.000€


Laura Moure/Arzúa/Toques

A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou as actuacións levadas a cabo nos concellos de Arzúa e Toques ao abeiro da orde de Turismo de Galicia para actuacións de mellora de Infraestruturas Turísticas para concellos de ata 10.000 habitantes. Neste senso, a representante do Goberno autonómico destacou que estes municipios recibiron cada un 30.000 euros, no caso do concello de Arzúa para acondicionar a área de descanso na baixada á Fervenza das Hortas e o no de Toques para levar a cabo a sinalización de rutas de sendeirismo e a instalación dun panel informativo.


Belén do Campo explicou que a intervención en Arzúa de acondicionamento da área de descanso situada no inicio da baixada á Fervenza das Hortas, unha intervención que contou co apoio do Goberno galego e que mellora de forma significativa este espazo natural de gran valor paisaxístico e turístico.


A actuación desenvolveuse nun punto estratéxico, ao carón do núcleo das Hortas e limítrofe co concello de Touro, que constitúe ademais un paso obrigado dentro do roteiro da fervenza. A delegada destacou que esta intervención permite dar resposta ás carencias existentes, xa que o espazo presentaba mobiliario deteriorado e carecía de zonas axeitadas de parada e estacionamento.

 PUBLICIDADE

Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.
Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.

No marco do proxecto, levouse a cabo a mellora do acceso dende a estrada provincial mediante traballos de limpeza de gabias e da superficie do viario, así como o rebacheo e acondicionamento do firme con tratamento asfáltico na totalidade da plataforma.

Así mesmo, habilitouse unha nova zona de aparcadoiro na parte alta do acceso, executada con zahorra compactada e delimitada con valado de madeira, co obxectivo de facilitar o estacionamento e ordenar o uso do espazo.


A intervención completouse co acondicionamento integral da área de descanso, dotándoa de novo mobiliario de madeira, incluíndo mesas con bancos, un banco illado, un panel informativo e papeleiras, así como a instalación dunha pérgola. Ademais, realizáronse traballos de limpeza e preparación dos noiros e reforzouse a integración paisaxística coa plantación de árbores en toda a área.


Durante a visita, a delegada puxo en valor esta actuación, sinalando que “permite mellorar a experiencia das persoas visitantes e ofrecer un espazo axeitado nun enclave natural de gran atractivo, ao tempo que se contribúe á súa conservación e posta en valor”.

Finalmente, destacou o compromiso da Xunta coa mellora das infraestruturas e dos espazos públicos no rural, apoiando actuacións que fomentan un turismo sostible e que contribúen ao desenvolvemento económico e social dos concellos galegos.

No caso de Toques esta iniciativa combina a posta en valor do territorio coa incorporación de solucións innovadoras, contribuíndo a reforzar o atractivo de Toques como destino turístico. Neste sentido, subliñou a importancia da sinalización de rutas de sendeirismo, executada mediante a instalación de frechas direccionais e postes de madeira tratada, perfectamente integrados na contorna e adaptados á normativa das rutas PR-G. En total, colocáronse 25 flechas de dirección en madeira, 25 postes de madeira de 250x10 e 115 postes de madeira con sinais de 120x10.


Así mesmo, a actuación completouse coa instalación de dúas pantallas LED de última xeración en puntos estratéxicos do municipio, deseñadas para ofrecer información turística actualizada tanto á veciñanza como ás persoas visitantes. Estes dispositivos permiten difundir contidos de alto valor engadido, como imaxes e vídeos dos principais recursos naturais, patrimoniais e culturais de Toques.


A delegada puxo en valor as funcionalidades destas pantallas, que inclúen información multilingüe, actualización en tempo real sobre eventos e servizos, así como a integración de ferramentas interactivas como mapas dixitais e códigos QR. Ademais, destacou o seu papel na promoción dos produtos locais e do turismo rural, contribuíndo á dinamización económica do municipio.


“Estamos ante unha actuación que aposta claramente pola innovación e pola calidade na promoción turística, incorporando tecnoloxía avanzada ao servizo do territorio e das persoas”, sinalou a delegada, quen engadiu que “proxectos como este permiten mellorar a experiencia dos visitantes e posicionar concellos como Toques dentro dun modelo turístico moderno, sostible e competitivo”.


Finalmente, incidiu no compromiso da Xunta de Galicia co desenvolvemento do rural e coa valorización dos seus recursos, apoiando iniciativas que contribúan a xerar oportunidades económicas e a fixar poboación no territorio.


A actuación visitada constitúe, en definitiva, un exemplo de como a colaboración institucional e a innovación tecnolóxica poden ir da man para impulsar o turismo local e reforzar a identidade dos concellos galegos.


Con esta liña de axudas Turismo de Galicia beneficiou, no 2025, a 67 concellos galegos de menos de 10.000 habitantes, con 2 millóns de euros  e na provincia da Coruña foron 16 axudas as achegas concedidas por un importe de case 470.000 euros. Concretamente, nas comarcas de Arzúa e Melide recibiron estes apoios 5 municipios, ademais de Toques e Arzúa , os concellos de Santiso, Touro e O Pino por un importe total de 150.000 euros.


Orde de Axudas

A representante do Goberno autonómico informou que a Xunta volverá a convocar esta orde no 2026 e explicou que  entre as posibles actuacións subvencionables estarán as de embelecemento dos accesos aos recursos turísticos da entidade solicitante, a recuperación e o tratamento paisaxístico da contorna dos recursos turísticos, a súa iluminación ornamental, a adecuación de aparcadoiros ou a recuperación e creación de distintos elementos, e a dotación de miradoiros paisaxísticos ou rutas de sendeirismo.


Poderán ser tamén obxecto de subvención outras actuacións realizadas nos bens declarados de interese cultural. Aquí inclúese, por exemplo, o embelecemento de vías con materiais sostibles, o ocultamento de colectores de residuos, a eliminación de cablaxe aérea e antenas de comunicación ou a conservación de recursos previamente beneficiarios destas axudas. 


A convocatoria recollerá tamén iniciativas de posta en valor turístico dos recursos, como a rehabilitación ou a restauración para a súa dedicación a usos turísticos distintos do aloxamento de  persoas ou a recuperación de elementos de interese etnográfico ou da arquitectura tradicional.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

Por último, inclúense actuacións relacionadas coa mellora da accesibilidade, como a eliminación de barreiras arquitectónicas no acceso; iniciativas destinadas a facilitar o acceso á información de persoas con algún tipo de discapacidade sensorial, ou a sinalización dos recursos turísticos.


Esta nova convocatoria céntrase na consolidación da oferta turística nas zonas rurais – en concreto nos concellos de menos de 10.000 habitantes– a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística, para o que se destinan outros 2 M€. Os proxectos poderán ser subvencionados ao 100 % do orzamento previsto, ata un máximo de 30.000 €.



Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page