Belén do Campo destaca o investimento de 178.000 euros na mellora de infraestruturas rurais en Touro
- ecosdacomarca

- 10 sept 2025
- 3 min de lectura
Esta orde promove a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais co fin de aumentar a competitividade agraria e forestal, xa que facilitan o tránsito de maquinaria ás explotacións agrarias
Ecos da Comarca/Touro
A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Touro, Jesús Reboredo, visitou onte o concello, e salientou alí o investimento de preto de 178.000 euros que recibe este municipio para intervencións ao amparo do Plan Camiña Rural de acceso a parcelas agrícolas das anualidades 24-25 e 25-26.
Este plan, estivo dotado en Galicia con case 19,5 millóns de euros para 2024 e 2025, o que supuxo o orzamento máis alto dende 2017. En concreto, no marco desta convocatoria, en Touro realizáronse dúas actuacións cunha axuda de case 93.000 euros.
O primeiro dos proxectos permitiu mellorar o viario de Millares a Sar, un treito de algo máis de 1 quilómetro de lonxitude no que se aplicou unha capa de aglomerado, reparando as fochancas, e un tratamento asfáltico. Ademais, contemplouse o pintado das liñas de borde e símbolos e a instalación de catro sinais de Stop.

Co apoio do Goberno galego tamén se levou a cabo a mellora do acceso do viario de Sar a Bamela cunha actuación nunha lonxitude de 335 metros. A obra contemplou a limpeza de gabias e reposición da capa de rodaxe con aglomerado, reparación de fochancas e tratamento asfáltico nuns tramos e noutros pavimento de formigón e zahorra. Neste itinerario tamén se procedeu ao pintado das liñas de borde e marcas viarias e a instalación de 1 sinal de Stop.
Comarca Arzúa 24-25
A delegada da Xunta informou que na comarca de Arzúa recibiron, no 24-25, estas axudas 4 concellos (Arzúa, Boimorto, O Pino e Touro) por un importe total de máis de 303.000 euros e na provincia da Coruña recibiron estes apoios 83 concellos por un importe de 5,2 millóns de euros.
Esta orde promove a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas co fin último de aumentar a competitividade agraria e forestal, xa que facilitan o tránsito de maquinaria ás explotacións agrarias, o que redunda nunha maior axilidade das operacións agrarias e nunha redución de custos e dos tempos necesarios para poñer os produtos no mercado.
A delegada engadiu que a través de iniciativas coma esta, “a Xunta mantén o compromiso coa promoción e coordinación do desenvolvemento do territorio rural galego”.
Publicidade
Nova convocatoria
O Plan Camiña Rural da Consellería do Medio Rural para o período 2025-2026, está dotado con preto de 19,5 millóns de euros de fondos propios. O investimento está distribuído en dúas anualidades, 9,5 millóns de euros para 2025 e 9,99 millóns para 2026. Este programa ten como obxectivo financiar as actuacións de mellora ou mantemento dos camiños municipais que dan acceso en calquera punto do seu trazado a polo menos dúas parcelas agrícolas. Na provincia da Coruña reciben estes apoios 86 concellos por un importe de preto de 5,5 millóns de euros.
Estas axudas parten dunha asignación fixa por localidade que se incrementa en función do número de entidades de poboación, criterios de agrariedade e outras cuestións vencelladas coa superficie e a localización do municipio. Touro conta, nesta nova convocatoria, cunha asignación de preto de 85.000 euros, que lle permitirá arranxar o camiño de Abelenda, a primeira das intervencións estará rematada este mes de outubro, e os catro concellos da comarca de Arzúa contan con máis de 310.000 euros.
Ao abeiro desta orde son subvencionables as actuacións de ampliación, que supoñan un incremento da lonxitude dos camiños, que incidan na seguranza viaria e permitan o cruce de vehículos; de mellora, para reforzar o firme existente coa incorporación de novas capas e a adecuación das existentes.







Comentarios