top of page

Belén do Campo anuncia a licitación por 181.000 € para renovar a cuberta do colexio de Sobrado

Esta actuación contará cun prazo de execución de 3 meses


Laura Moure/Sobrado

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo director territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Santiago Freire, visitou este xoves o CEIP Virxe do Portal de Sobrado para anunciar a licitación dunha renovación integral da súa cuberta que conta cun investimento total de máis de 181.000 euros. “Con esta intervención o centro educativo continuará avanzando na mellora das súas instalacións co obxectivo de garantir unhas condicións máis seguras, confortables e eficientes para toda a comunidade escolar”, destacou a delegada. No transcurso da visita Belén do Campo tamén mantivo unha reunión de traballo con alcalde de Sobrado, Lisardo Santos e co director e o presidente da Ampa deste centro educativo.

Durante a visita, a representante do Goberno galego destacou que esta intervención “forma parte do compromiso da Xunta de Galicia coa conservación e modernización dos centros educativos públicos, apostando por espazos máis sostibles e adaptados ás necesidades actuais do alumnado e do persoal docente”. Este centro conta con 69 alumnos de educación infantil e primaria e participa en programas como Xogade, no PAVD (proxectos de vida activa e deportiva), Plan proxecta Xacobeo ou os polos creativos.


As actuacións a realizar terán un prazo de execución de tres meses e centraranse fundamentalmente na mellora da cuberta e do illamento do edificio, permitindo reforzar tanto a protección fronte ás inclemencias meteorolóxicas como a eficiencia enerxética do inmoble.

 PUBLICIDADE

Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.
Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.

En concreto, acometerase a substitución da cuberta existente por unha nova cuberta de fibrocemento sen amianto e cubrición de tella cerámica curva, actuando sobre unha superficie total de 828 metros cadrados.


No marco desta intervención tamén se levará a cabo unha importante mellora do illamento térmico da cuberta mediante o tendido de material illante sobre o forxado, actuando sobre unha superficie de 790 metros cadrados de illamento interior. Esta actuación permitirá renovar completamente un dos elementos estruturais máis importantes do edificio, mellorando a súa durabilidade e seguridade. Ademais, renovaranse os sistemas de evacuación de augas pluviais mediante a substitución de 95 metros de canalón e 94 metros de baixantes por novos elementos de chapa galvanizada e PVC, materiais máis resistentes e axeitados para garantir un correcto funcionamento e conservación da infraestrutura.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

Esta intervención contribuirá a mellorar o confort térmico nas aulas e espazos comúns, así como a reducir o consumo enerxético do centro.


Plan Nova Arquitectura Pedagóxica

A delegada da Xunta subliñou que “seguimos traballando dentro do plan de Nova Arquitectura Pedagóxica para que os centros educativos conten con instalacións modernas, eficientes e seguras, mellorando o día a día do alumnado e dos profesionais da educación”.


Finalmente, sinalou que estas actuacións se enmarcan na estratexia da Xunta para continuar impulsando a renovación e actualización das infraestruturas educativas en toda Galicia, dando resposta ás necesidades presentes e futuras da comunidade educativa.


Continuas reivindicacións da comunidade educativa e do Concello

Cabe mencionar que a ANPA do CEIP Virxe do Portal deste colexio levou a cabo distintas accións nos últimos meses para conseguir melloras no centro. Sen ir máis lonxe, o pasado mes de abril unha protesta escolar de tres días sen asistencia ás aulas, en resposta á falta de actuacións por parte da Consellería de Educación ante o estado do edificio.(Noticia: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-alumnado-do-colexio-de-sobrado-non-ir%C3%A1-a-clase-tres-d%C3%ADas-en-sinal-de-proposta-polo-estado-do-centr?fbclid=IwY2xjawR8LyZleHRuA2FlbQIxMQBzcnRjBmFwcF9pZBAyMjIwMzkxNzg4MjAwODkyAAEeAM2voZW5aiuNY9PiuqIMPjx6oNXbu1jhQoMub3-Sdvqpxot6BouIZEVJNis_aem_WhC7tmvD3w-7rNkuuElDOQ) Tamén en ECOS DA COMARCA escoitamos ao presidente da ANPA https://www.facebook.com/reel/1271863407537902/?s=single_unit

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page