Belén do Campo destaca o investimento da Xunta no albergue Cima do Lugar en Arzúa para a eficiencia enerxética
- Laura Moure
- hace 1 día
- 3 Min. de lectura
A delegada informou que na comarca de Arzúa recibiron estas achegas nova empresas turísticas, 4 de Arzúa e 5 de O Pino, por un importe de máis de case 705.000 euros
Laura Moure/Arzúa
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou onte o albergue Cima do Lugar que contou cunha achega autonómica de axudas en réxime de concorrencia non competitiva, dentro da liña de subvencións para a mellora da eficiencia enerxética en empresas turísticas de Turismo de Galicia do ano pasado e ten carácter bianual. Este establecemento é unha das nove empresas turísticas da comarca de Arzúa que resultaron beneficiarias da convocatoria do 2024 que deixou case 705.000 euros en achegas na zona, 4 no concello de Arzúa por un importe de máis de 371.000 euros e cinco no concello de O Pino con axudas de máis de 333.000 euros. Na provincia foron beneficiados 45 establecementos por un importe de máis de 3,2 millóns de euros.

No caso deste albergue en Arzúa, que ten practicamente rematadas as obras, a subvención concedida destinouse á mellora da eficiencia enerxética da envolvente do edificio. Na fronte principal e na envolvente en contacto co exterior instalouse un sistema de fachada ventilada constituído por revestimento de aplacado cerámico con suxeición mediante ancoraxes ocultas de aceiro inoxidable, e illamento térmico en cámara.
As obras tamén contemplaron a substitución de equipos térmicos existentes para calefacción e ACS por unha instalación térmica para calefacción, refrixeración e produción de ACS mediante bomba de calor (2 unidades) con ventiloconvectores como unidades terminais (30 uds) e instalouse un recuperador de calor por condutos de ventilación (3 unidades).
Publicidade
A delegada da Xunta destacou a importancia de apoiar a un sector en auxe “con axudas que non só lles van a permitir aforrar na súa factura da luz, senón tamén mellorar a imaxe e a calidade dos servizos turísticos que se prestan no noso territorio” e lembrou que se trata dunha medida incluída dentro das accións que leva a cabo a Xunta de Galicia para avanzar nun modelo turístico sostible.
Convocatoria 2024-2025
Con respecto ás solicitudes realizadas o ano pasado Belén do Campo lembrou que o presidente da Xunta anunciou, o 29 de marzo, un incremento de preto dun millón de euros ampliando ata os 11 millóns de euros o orzamento desta orde e aumentando tamén o prazo de xustificación das obras ata o 31 de decembro de 2025, para poder atender todas as peticións xa presentadas.
Publicidade
Con respecto a convocatorias anteriores, a do 2024, introduciu como novidade, a posibilidade de que as empresas de restauración -non só as de aloxamento- tamén puideran optar a elas.Ademais, sufrágase a rehabilitación enerxética de todo o edificio ou dunha parte (na anterior eran edificios completos), non se pide antigüidade mínima dos edificios a rehabilitar e non hai unha esixencia mínima de aforro enerxético, entre outras.
Como norma xeral, a intensidade da axuda é de ata un 70% do custo total subvencionable do proxecto; aínda que pode chegar ao 80 ou 90% no caso no que se acrediten aforros de enerxía primaria non renovable dun 20 ou 30%.
Entre as actuacións subvencionables inclúese a mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica, das instalacións térmicas, a colocación de paneis fotovoltaicos para autoconsumo, renovación da iluminación e dos electrodomésticos e a instalacións de sistemas de automatización e control da enerxía. Os investimentos deberán estar executados antes do 31 de decembro de 2025.
Comments