top of page

Begoña Vázquez renuncia á súa acta de concelleira en Rodeiro "por motivos persoais e laborais"

hace 3 horas
2 min de lectura

A socialista, número dous da candidatura de José Luis Camiñas en 2023, deixa o grupo de goberno tras case tres anos e medio de mandato


Ecos da Comarca/Rodeiro

Begoña Vázquez López presentou o pasado venres a súa renuncia á acta de concelleira do PSOE no Concello de Rodeiro, así como ás responsabilidades que viña desempeñando no goberno municipal. A decisión responde, segundo trasladou, a motivos persoais e laborais.

Begoña Vázquez e José Luis Camiñas.
Begoña Vázquez e José Luis Camiñas.

Vázquez ocupaba o número dous da candidatura socialista nas eleccións municipais de 2023 e formaba parte do goberno encabezado por José Luis Camiñas. Durante este mandato estivo á fronte das áreas de Servizos Sociais, Traballo e Urbanismo. A súa saída deberá ser ratificada nun pleno, momento no que se iniciará o procedemento para cubrir a vacante.


O alcalde agradece o seu traballo

Tras coñecerse a renuncia, o alcalde de Rodeiro, José Luis Camiñas, quixo dedicar unhas palabras públicas a Begoña Vázquez e agradecerlle o traballo realizado durante estes anos.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

Camiñas lembra que, cando comezou a preparar a candidatura para as eleccións de 2023, lle propuxo a Vázquez formar parte do proxecto. "A resposta foi si. Sempre estivo disposta", sinala o rexedor, que destaca que ocupou o número dous da lista e que ambos tiveron "por segunda vez" a oportunidade de gobernar Rodeiro xuntos.


O alcalde subliña que durante o mandato houbo "anos de moito traballo, de dificultades, de decisións e tamén de proxectos importantes para Rodeiro", e destaca a disposición de Vázquez para asumir responsabilidades e dedicar tempo ao servizo da veciñanza.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

"Quero agradecerche, Begoña, os servizos prestados ao Concello de Rodeiro e, sobre todo, a túa disposición e compromiso durante todo este tempo", manifesta Camiñas.


O rexedor conclúe a súa mensaxe sinalando que "as responsabilidades políticas comezan e rematan, pero as persoas e os vínculos que se crean ao longo do camiño permanecen", antes de desexarlle "moita sorte nesta nova etapa persoal e profesional".

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page