Beatriz Canda destaca os avances do obradoiro Carqueixa na melloras de espazos de Lalín
Os traballos desenvólvense nas últimas semanas no campo de fútbol, no Auditorio Municipal, nas contornas de centros sociais e na Carballeira das Casianas
Laura Moure/Lalín
A concelleira de Emprego do Concello de Lalín, Beatriz Canda, destacou os avances do Obradoiro de Emprego A Carqueixa, que afronta neste mes de setembro o seu terceiro mes de funcionamento con actuacións de mellora en instalacións municipais e espazos públicos de diferentes puntos do municipio. A iniciativa, que comezou o pasado 29 de xuño, combina a formación nas especialidades de forestal e pintura coa realización de traballos prácticos de utilidade para a veciñanza.

A Carqueixa conta con 20 alumnos-traballadores, distribuídos en dous grupos de dez persoas, nas especialidades de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e pintura decorativa en construción. O programa está dirixido a persoas en situación de desemprego e dispón dun equipo de dirección, titoría e persoal docente para acompañar o seu proceso de aprendizaxe.
Na especialidade forestal, durante esta primeira etapa iniciáronse traballos de roza e silvicultura nas contornas de diferentes centros sociais, entre eles os de Alperiz, Méixome e Bermés. As actuacións tamén se estenderon á Carballeira das Casianas, situada no Polígono Industrial Lalín 2000. Estas intervencións permiten aplicar sobre o terreo a formación recibida e contribuír ao mantemento de espazos de uso público, tanto no rural como na contorna do parque empresarial.
PUBLICIDADE
Arranxos no auditorio
Pola súa banda, o alumnado da especialidade de pintura centrou a súa actividade fundamentalmente no campo de fútbol, onde se comezou a pintar as gradas e os vestiarios, e no Auditorio Municipal. Neste último equipamento estase a traballar na pintura da estrutura exterior de madeira, unha actuación que está a permitir mellorar o aspecto da instalación. "Estamos a falar de traballos que teñen unha repercusión directa no coidado dos nosos equipamentos. O campo de fútbol, o Auditorio e os centros sociais son espazos de encontro e de actividade para moitas persoas, e o obradoiro está a contribuír á súa mellora mentres o alumnado adquire destrezas para o seu futuro profesional", destacou Beatriz Canda.
Nas vindeiras semanas está previsto rematar as intervencións actualmente en marcha e iniciar novos traballos de pintura nos centros sociais de Lalín, así como continuar coas actuacións de roza e silvicultura en diferentes parroquias do municipio. Deste xeito, a actividade práctica do obradoiro seguirá estendéndose a outros equipamentos e espazos públicos.
PUBLICIDADE
A Carqueixa ten unha duración prevista de nove meses, ata o 28 de marzo de 2027, e conta cunha achega da Xunta de Galicia de 479.052 euros, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. Canda puxo en valor a implicación do alumnado e do equipo responsable do programa e reiterou que "o obxectivo é que as persoas participantes aproveiten esta oportunidade para mellorar a súa cualificación, gañar experiencia e afrontar con máis ferramentas a súa incorporación ao mercado laboral".









Comentarios