top of page

Balnearios de Galicia celebra o seu 40 aniversario situando a nosa comunidade como un referente

Os 18 balnearios integrados na Asociación, entre eles o cruceño Baños da Brea, xeran 1200 empregos directos e 5000 indirectos


Laura Moure/Vila de Cruces

A Asociación de Balnearios de Galicia conmemora o seu 40 aniversario. Con motivo desta

efeméride, vaise celebrar un acto o vindeiro sábado, 22 de novembro, na facultade de

Medicina da Universidade de Santiago, coa colaboración de Turismo de Galicia.


O xerente da Asociación, Benigno Amor, relata que “logo dunha época de crise trala

Guerra Civil, en 1985 un grupo de dez empresarios do sector termal reuniuse na illa da

Toxa e desa xuntanza xurdiu a Asociación, a segunda autonómica que se creaba en

España logo da catalá”. Lembra que “daquela, a maioría dos balnearios abrían só tres ou

catro meses ao ano, permanecían pechados no inverno, o que supoñía grandes custos de

posta a punto na súa reapertura, así como a aprendizaxe constante do persoal”.

 O Balneario Baños da Brea (Vila de Cruces).
 O Balneario Baños da Brea (Vila de Cruces).

Amor apunta que a situación empezou a mudar na década dos 90, xa que, como

resultado do esforzo dos investidores privados, das axudas da Xunta de Galicia e da

asunción por parte da Comunidade Autónoma de Galicia de competencias propias en

materia de augas mineirais e termais, os balnearios lanzáronse á reforma e á ampliación

das súas instalacións, tanto hostaleiras como termais, ao tempo que se construíron novos

establecementos. “A profesionalidade dos seus servizos médicos, xunto a novas técnicas

e modernos tratamentos para aproveitar os beneficios das augas, converteron os

balnearios galegos en complexos de saúde referentes no eido nacional” -salienta-.


Galicia é unha das rexións termais máis importantes de Europa

“A Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal é unha das rexións europeas con maior riqueza

en augas minerais e termais e, en consecuencia, con maior tradición no seu uso como

augas de bebida envasada e en balnearios. Por iso, e para dotar de maior valor esta

riqueza, non só se traballou na modernización das instalacións, senón tamén na

divulgación deste ben e na investigación científica, co fin de avanzar tanto na súa vertente

de lecer e turismo como na sanitaria” -manifesta Amor-.


 Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

O xerente pon de relevo que “na actualidade podemos presumir de que a oferta termal

galega, líder en España, constitúe un patrimonio de Galicia de gran potencial para

mellorar a saúde da poboación e atraer turismo sanitario doutras comunidades e tamén

internacional”. Nesta liña, destaca a colaboración da Asociación co Programa Benestar en

Balnearios da Xunta de Galicia; xunto á posta en marcha de iniciativas como “Un

descanso nos Camiños”, destinada a promocionar os balnearios galegos a través do

Camiño de Santiago.


18 balnearios das catro provincias

Na actualidade a Asociación de Balnearios de Galicia está integrada por un total de 18

balnearios, que representan o 86% do sector da nosa comunidade e xeran no seu

conxunto 1200 empregos directos e 5000 indirectos. Na provincia da Coruña atópanse o

de Carballo e o de Compostela (Brión). En Lugo están os de Augas Santas (Pantón),

Guitiriz e Lugo-Termas Romanas. Na de Ourense localízanse os de Arnoia, Laias

(Cenlle), Lobios, O Carballiño e Caldas de Partovia (os dous no Carballiño). E en

Pontevedra sitúanse os de Acuña e Dávila (os dous en Caldas de Reis), Termas de

Cuntis, Baños da Brea (Vila de Cruces), Caldelas de Tui, Isla de La Toja, Gran Hotel La

Toja e o balneario de Mondariz.


Publicidade

Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!
Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!

Galicia é a comunidade autónoma líder en oferta termal, aglutinando o 18% dos

balnearios nacionais, seguida de Cataluña, Aragón e Andalucía. Ademais, nos últimos

anos incrementouse considerablemente o número de prazas hoteleiras destes

establecementos, duplicándose con respecto ao ano 2000. Os 18 balnearios que forman

parte da Asociación ofrecen preto de 3000 prazas hoteleiras, máis do 70% das cales son

de 4 ou 5 estrelas.



Os balnearios como dinamizadores socioeconómicos do rural galego

En Galicia os balnearios están situados principalmente en comarcas do interior, onde desenvolven unha importante función como dinamizadores das economías locais e

comarcais. Trátase na súa maioría de zonas rurais con tendencias similares: despoboamento, baixa renda per cápita e presenza dunha estrutura produtiva con

predominio do sector primario. “Esta función dinamizadora, unida ao labor vixiante da súa

contorna para evitar a contaminación dos acuíferos, confire aos balnearios un carácter de

modelo de empresa responsable co desenvolvemento sostible: empregan o recurso sen

comprometer o seu futuro, crean emprego e riqueza, axudan a fixar poboación e melloran

a calidade de vida das persoas” -manifesta Amor-.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page