Balado e Igrexas viaxarán a Canarias para manter unha reunión de traballo polo Camiño Francés
- Laura Moure
- hace 1 hora
- 2 min de lectura
Laura Moure/Xeral
O pasado mes de abril, asinouse no Castelo de Pambre, en Palas de Rei, o irmandamento
entre a Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés e os concellos do Camiño de Santiago en Gran Canaria. Asinábase así, o compromiso por parte de ambos Camiños de traballar na súa promoción e en darse a coñecer ó mundo collidos da man e do rigor histórico do que gozan ambas rutas xacobeas. Así a presidenta e o vicepresidente da Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés viaxarán a Canarias para manter unha reunión de traballo.

Dende o mes de maio, Julio Mateo, tenente alcalde de Gáldar, foi o interlocutor designado polos tres municipios canarios para as comunicación coa Mancomunidade no tocante ao tema deste irmandamento, co que se estivo a traballar nun planing de reunións para abordar distintos temas cos alcaldes canarios, os seu concelleiros e técnicos, que afectan a ambos Camiños, o Francés e o Camiño de Santiago en Gran Canaria.
A presidenta deste colectivo e concelleira de Turismo de Arzúa, Begoña Balado Conde, e o vicepresidente e edil de Melide, Xosé Igrexas García, viaxarán a Gran Canaria, concretamente á Real Cidade de Gáldar, para manter estas reunións de traballo, durante os días 23 e 24 e 25, así como asistir ó acto de sinatura do irmandamento, agora na illa Canaria.
PUBLICIDADE
"Quero aclarar que tanto o Vicepresidente como eu, viaxamos a Gran Canaria por invitación dos alcaldes canarios", aclara Balado. "Ademais, a petición expresa dos rexedores de San Bartolomé de Tirajana, Tejeda e Gáldar, acompañaranos a técnica da Mancomunidade, dado que esta é unha viaxe de traballo, e todos estamos desexando
poder comezar a traballar".
"O resto dos alcaldes e representantes da Mancomunidade, que non viaxarán a Canarias, están informados dos contidos a tratar nestas reunións, dado que na entidade todas as decisións se toman por unanimidade, respetando por igual a opinión dos once concellos que a forman", apuntan.
PUBLICIDADE
Polo momento, o contido das reunións non se fará público. “Esta vez, e para protexer ó noso Camiño Francés de que alguén faiga súas as nosas ideas e o noso traballo, decidiuse xunto cos rexedores canarios, publicar as accións conxuntas unha vez que se leven a cabo”, afirma Balado.




