top of page

"Aínda queda moito que loitar para eliminar os prexuízos que existen cara a nosa lingua"

"Chorima xorde froito da necesidade de crear en Lalín unha asociación que se preocupe pola lingua e cultura galegas"

Tania Jimémez, María Pol, Iago López, Laura Fernández e Cristina Pereiro, a directiva de Chorima. (Falta na foto Manuela Pereira)



ENTREVISTA Á ASOCIACIÓN CULTURAL CHORIMA DE LALÍN


Laura Moure/Lalín

A reivindicación do patrimonio lingüístico, cultural, político e histórico de Galicia é a meta coa que se pon en marcha a Asociación Cultural Chorima, de Lalín. Na actualidade, este colectivo está conformado por María Pol, como presidenta; Iago López (máis coñecido como Chispón), como vicepresidente; Tania Jiménez como secretaria; Cristina Pereiro como tesoureira e, nas dúas vogalías, Laura Fernández Carral e Manuela Pereira.


1. Como e cando xorde Chorima?

Chorima xorde froito da necesidade de crear en Lalín unha asociación que se preocupe pola lingua e cultura galegas. O proxecto botou a andar en outubro do ano 2020, aínda que nos vimos perxudicadas polas restricións e a crise sanitaria actual.


2. Por que este nome?

Chorima, como ben é sabido, é a flor do toxo e nós decidimos facer un xogo con esa idea. O toxo é representativo da cultura galega e se lle sopramos á semente da flor facémola voar, espallándoa por aí. Así pois, isto mesmo ocorre coa cultura, queremos difundila e que chegue a todos os recantos, a todas as persoas de todas as idades.


3. Cales son os vosos obxectivos?

Os nosos obxectivos son traer a Lalín e contorna a maior cantidade de proxectos culturais de Galiza, xunto coa visibilización da lingua e cultura galegas. Ademais, co noso carácter binormativo queremos dar a coñecer outra vía lingüística que é máis descoñecida e que nos pode achegar cousas moi boas e de proveito.


4. Canto é de importante unha asociación en defensa do galego?

Moito, e máis a día de hoxe, cando se pensa que o galego xa non é un idioma en perigo e que a imposición do castelán non existe. Hai datos moi preocupantes sobre o uso do galego nas crianzas, chegando ao punto de que moitos deles non o saben falar ben e mesmo hai profesorado que non o sabe ensinar. Ademais, aínda queda moito que loitar para eliminar os prexuízos que existen cara a nosa lingua e o denominado autoodio. O galego é unha lingua que serve para comunicarnos en todos os ámbitos e funcións e mesmo fóra de Galiza, pois gozamos dunha alta intelixibilidade coa comunidade portuguesa.


5. Hai algún ámbito en concreto no que consideren que é máis necesario incidir sobre o uso do galego?

Na mocidade sobre todo, porque nela está o futuro da lingua. Temos que realizar actividades culturais que realmente motiven e interesen á xente nova, ben sexa no ámbito musical, cinematográfico, literario etc.


6. Facédeme un resumo das actividades que levades a cabo.

A nosa primeira actividade foron unhas “Pinchadas de taberna”, onde pretendíamos dar a coñecer música galega, portuguesa, vasca e catalá de diferentes xéneros. Por mor da pandemia, implicámonos moito nas redes sociais querendo dar visibilidade aos/ás artistas locais e publicando as súas habilidades. Asemade, creamos unha sección de recomendacións, onde recomendamos libros, filmes e series de actualidade para que a xente teña interese en consumir produtos da nosa cultura e lingua. No mes de marzo fixemos a nosa primeira actividade presencial, que foi a proxección do documental Reboiras. Acción e Corazón á cal asistiu o director Alberte Mera e temos intención de seguir proxectando documentais ou filmes. Recentemente, vimos de sacar o noso primeiro concurso literario Letras para asubiar, para fomentar o uso da lingua e premiar as obras gañadoras. Temos tamén pensado facer algunha actividade ao aire libre com xogos, agora que vén o bo tempo, sobre todo pensada para as crianzas e tamén algún concerto.


7. Como está sendo a acollida?

Consideramos que a situación da pandemia condicionou e condiciona un pouco a nosa visibilidade e acollida. Con todo, á proxección do documental acudiron unhas 65 persoas e iso deixounos un bo sabor. Esperamos que as seguintes actividades presenciais que vaiamos facendo sigan tendo tan boa acollida e que cada vez sexamos máis.


8. Como hai que facer para facerse socios?

Para ser socios/as chega con contactar con nós, pero aínda estamos de trámites burocráticos (que sempre van lentos) entón non podemos adiantar como vai ser todo. O que si podemos dicir é que a cota é de 10 euros anuais, de maneira que poidamos contar cun capital para a realización das actividades anteriormente mencionadas, pero que ao mesmo tempo non supoña un gran esforzo económico para aquelas persoas que realmente queren colaborar.




Aquí vos deixamos o enlace para saber máis do concurso Letras para asubiar que convoca esta asociación.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page