top of page

Autoservicios Familia abriu este martes un novo establecemento en Melide

Conta con máis de 1.340 m2 de sala de ventas e supuxo unha inversión de 2,2 millóns de euros


Laura Moure/Melide

A enseña Autoservicios Familia da compañía galega de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski amplía a súa rede comercial en Galicia coa apertura dun novo establecemento en Melide, emprazado na Avenida Pontevedra, número 80. Tras esta inauguración, a enseña deste supermercado pasa a contar así cun total de 51 tiendas nesta comunidade e con 76 entre Galicia, Asturias e Castilla e León, alcanzando os 61.050 m2 de sala de ventas.


A inauguración oficial da tenda tivo lugar este martes contando coa asistencia do alcalde de Melide, José Manuel Pérez, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, Ángeles Vázquez, acompañados polo director xeral de Vegalsa-Eroski, Joaquín González; o director de enseña Familia, José López Caamaño, e a directora de RSE e Comunicación da compañía, Gabriela González.

Asistentes á inauguración este martes.


Durante a súa intervención, o director xeral de Vegalsa-Eroski trasladou os seus mellores desexos “nesta nova aventura profesional que empezades como equipo, que compartades cos nosos clientes os valores da compañía; as persoas, os clientes, os provedores, a innovación e a RSC” e agradeceu o esforzo de todos os que fixeron posible a inauguración desta nova tenda.


O alcalde de Melide, José Manuel Pérez, quixo agradecerlle a empresa Vegalsa-Eroski "a inversión realizada no noso Concello, salientando que nestes tempos difíciles é fundamental que xurdan proxectos capaces de xerar postos de traballo e de incentivar a economía real". Na mesma liña, engadiu “agradézolle aos meus compañeiros e compañeiras do Concello de Melide o seu traballo para que este proxecto se fixera realidade. A economía e o benestar non son o resultado de fenómenos azarosos, pola contra, son o resultado do traballo, a seriedade e a boa xestión. Os melidenses e melidensas poderán desfrutar dun espazo máis coidado, con novas rúas e espazos verdes con bancos. Ese é sen dúbida o camiño a seguir”, incidiu.


Especialistas en frescos e en aforro

Tras un investimento de dous millóns de euros, este novo establecemento pon ao dispor dos clientes unha sala de vendas de 1.347 m2 na que poderán atopar unha ampla oferta comercial con máis de 8.600 referencias de marcas líderes e marcas propias Eroski (1.700 referencias de frescos, 6.770 de alimentación e 160 de non food), contando ademais con servizo de repartición a domicilio e aparcadoiro propio de 2.822 m2 con 113 prazas, das cales 81 son cubertas e 32 en exterior.


A aposta da compañía polos produtos frescos queda patente nos 1.700 produtos dos que dispón o establecemento nas súas seccións de carnicería, peixaría e charcutería con mostrador e atención personalizada ademais de frutería e panadería con obradoiro propio. Nelas os clientes poderán adquirir produtos de tempada con Denominación de Orixe e garantía de calidade 100%, adquiridos en orixe aos 914 provedores de proximidade cos que traballa Vegalsa-Eroski.

Ademais, a vocación de aforro que caracteriza aos establecementos da empresa Autoservizos Familia fai que adapten o formato ao perfil do cliente, ofrecendo unha ampla variedade de variedade con diferentes produtos de marca propia (Eroski Basic, Bio, Eco, Natur ou Seleqtia) e de fabricante para unha compra completa, buscando a mellor relación calidade-prezo. En horario ininterrompido de 9:00 a 22:00 horas, de luns a sábado e domingos de 10:00 a 14:30 horas, esta nova tenda conta cun equipo conformado por 41 persoas que serán encargadas de garantir un servizo de calidade aos clientes. Á hora de realizar as súas compras poderán utilizar as tarxetas Visa, 4 B e Rede 6000 así como a tarxeta de fidelidade Eroski Club e Eroski Club ORO coa que acumulan un desconto directo do 4% das súas compras.


Este novo establecemento adaptouse ademais ao modelo de tenda ecoeficiente que caracteriza á rede comercial de Vegalsa-Eroski que permite reducir o impacto ambiental cun aforro enerxético do 35%, diminuíndo as emisións de CO2 e coidando da contorna a través de medidas de eficiencia enerxética tanto en iluminación, coa instalación de luces led, como en climatización, a través da automatización e monitoraxe das instalacións de tenda.

Un novo Eroski City na localidade

Froito da aposta de Vegalsa-Eroski pola dinamización da economía desta localidade e a expansión da súa rede de franquías, o anterior Autoservizos Familia transfórmase nun novo establecemento Eroski City tras unha reforma integral a este modelo de franquicia. Emprazado en C/ San Roque, número 36, de Melide, a tenda conta cunha superficie comercial de 320 m2 con 5.000 referencias de alimentación de marcas líderes, marcas propias e produtores locais.


En canto ao formato de seccións de frescos, terá carnicería, charcutería e peixaría en formato libre servizo. O establecemento que abri este martes tamén as súas portas, en horario de 9:00 a 21:30 horas, de luns a sábado, e de 10:00 a 14:30 horas, os domingos, conta cun persoal conformado por nove persoas, creando novos postos de traballo. Con esta nova apertura, a rede comercial de franquicias de Vegalsa-Eroski conta na actualidade con 46 establecementos Eroski City e 25 establecementos Aliprox en Galicia, Asturias e Castela e León. Unha rede de franquías que suman 22.700 m2 de superficie comercial, representan un total de 45 pemes e que xeran máis de 870 empregos directos. Na provincia da Coruña conta con 24 establecementos, dos cales 18 están agrupados baixo a insignia Eroski City e seis son supermercados Aliprox.



0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page