Asetem lanza a campaña “O tradicional é mercar aquí” para apoiar os establecementos de proximidade
- Laura Moure

- hace 7 días
- 2 Min. de lectura
Entre os participantes sortearase unha “semana de compras” valorada en 200 euros, que se repartirá en catro vales de 50 euros para gastar en diferentes sectores do comercio
Laura Moure/Melide
A Asociación de Empresarios e Empresarias da Terra de Melide (Asetem) pon en
marcha ata o vindeiro 3 de maio a campaña “O tradicional é mercar aquí”, unha iniciativa destinada a fomentar as compras no comercio local e premiar a fidelidade da clientela dos establecementos asociados. Poderán participar todas as persoas maiores de 18 anos que realicen compras por un importe mínimo de 15 euros nos comercios e establecementos adheridos á campaña.

Para entrar no sorteo, será necesario subir o tícket de compra á App de ASETEM dentro do período establecido. Entre todas as persoas participantes sortearase unha “semana de compras” valorada en 200 euros, que se repartirá en catro vales de 50 euros para gastar en diferentes sectores do comercio local: moda e complementos; alimentación, bebidas e hostalería; servizos; e outros sectores.
Ademais, o sábado 2 de maio instalarase un photocall na Praza do Convento, onde a veciñanza poderá sacarse fotos co lema da campaña. Entre todas as imaxes que se suban ás redes sociais desde ese espazo sortearase un vale de compra de 30 euros para gastar nos comercios asociados. As persoas participantes deberán etiquetar e seguir a ASETEM e empregar o hashtag #otradicionalémercaraquí en plataformas como Instagram, Facebook ou X. Segundo se indica nas bases, todas as fotos subidas terán premio directo.
PUBLICIDADE
A campaña inclúe tamén accións complementarias para dar visibilidade ao comercio de proximidade e agradecer a fidelidade da clientela. Así, durante a mañá do 3 de maio, os establecementos asociados repartirán unha pequena planta como agasallo ás persoas que realicen compras.
Desde ASETEM destacan que esta campaña busca reforzar o vínculo entre a veciñanza e o comercio local, poñendo en valor o papel dos establecementos de proximidade como motor económico e social de Melide.
PUBLICIDADE
A directiva da Asociación comercial fan fincapé na importancia de que os responsables, traballadores e traballadoras dos establecementos difundan e dean coñecer esta iniciativa entre a clientela para xuntos realizar unha gran campaña cun forte impacto para o comercio de proximidade. A maiores, tamén animan á veciñanza a participar desta actividade e a comprar nos establecementos locais da vila.








Comentarios