O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destaca o municipalismo do ente provincial para investir esta cantidade nesta actuación e asinou un convenio co alcalde
Laura Moure/Agolada
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, visitou este luns o municipio de Agolada para asinar co alcalde, Luis Calvo, un convenio de colaboración enmarcado no “Programa provincial de infraestruturas e dotacións singulares para a execución da Axenda 2030 (PON2030)” a través do cal o Goberno provincial financiará con máis de 430.000 euros, o 80 % do orzamento, os traballos para a remodelación integral da piscina municipal deste concello da comarca de Deza.
O Concello, pola súa banda, financiará o 20 % restante, uns 110.000 euros, con fondos a cargo do plan de obras e servizos da Deputación, polo que a totalidade do financiamento corresponde ao organismo provincial. Despois de asinar o acordo, o mandatario provincial sinalou que se trata dun novo exemplo de cooperación institucional entre a Deputación e o Concello de Agolada para transformar e modernizar equipamentos públicos e avanzar no aforro enerxético.
Publicidade
A obra, valorada en case 543.000 euros, servirá para a mellora integral de todo o recinto da piscina municipal de Agolada, que presenta unha estrutura antiga e con defectos provocados polo uso e o paso do tempo. A reforma consistirá na demolición do actual edificio dos vestiarios para construír un novo máis accesible, seguro, eficiente e moderno. Ao mesmo tempo, reconstruirase o vaso grande da piscina para reducir a súa profundidade e adaptala á normativa vixente en materia de prevención de afogamentos ata un máximo de 1,65 metros. Tamén se desprazará a situación da piscina infantil, mentres que se anulará a piscina mediana para aproveitar a escavación existente e construír un semisoto que albergue as instalacións de mantemento de depuración.
Publicidade
Segundo recolle o convenio, as obras deberán estar rematadas antes do 30 de abril de 2025.
Publicidade
A deste martes é a primeira visita institucional de Luis López como presidente da Deputación ao Concello de Agolada. Un fito que o presidente provincial aproveitou para recoñecer o labor de Luis Calvo e o seu equipo de goberno e destacar a importancia do municipalismo que rexe a acción de goberno de ambas administracións para mellorar os servizos á cidadanía e contribuír a fixar poboación en concellos do rural coma o de Agolada.
Comments