top of page

As obras na igrexa de San Pedro de Melide estarán rematadas en primavera e sen encalado

A intervención continúa despois de que se levase a cabo unha inspección técnica previa para valorar o estado do inmoble e determinar a mellor solución


Laura Moure/Melide

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitou onte os traballos de restauración que están en marcha na igrexa de San Pedro, en Melide, executados nun 41% e que rematarán en primavera, aos que a Xunta de Galicia destina 611.000€ co obxectivo, lembrou, de “solucionar as diversas patoloxías que provocan o deterioro deste ben, seguindo na nosa liña de recuperación e conservación do patrimonio”.

Así, o representante do Goberno galego, acompañado pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e do director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, comprobou de primeira man como avanza unha actuación que precisou dunha inspección técnica previa sobre o propio inmoble, tal e como lembrou, “para obter todos os datos precisos que non se puideron recoller na fase de redacción do proxecto” e que permitiu, puntualizou, “valorar a situación real das fachadas e coñecer en detalle o seu estado de conservación, a súa realidade construtiva e os materiais empregados no edificio orixinal”.


Deste xeito, indicou que “tal e como era o obxectivo, os técnicos que estiveron traballando sobre o terreo, puideron chegar a conclusións tendo en conta tanto os aspectos construtivos como os valores históricos, turísticos e culturais, para levar a cabo a recuperación máis axeitada para o ben”.


Á marxe da realización deste estudo técnico, que López Campos cualificou de “moi interesante e enriquecedor”, e que determinou a opción do rexuntado cara á vista do exterior da igrexa, a intervención está a seguir o curso previsto para pór solución á entrada de auga polas fachadas, a cuberta e as fiestras e aos problemas de estabilidade dos muros.

 Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Neste senso, os traballos céntranse en substituír o antigo sistema de atirantado de ferro do templo, deteriorado pola corrosión, por outro novo de aceiro inoxidable, ademais de cambiar o material da cuberta e arranxar os encontros cos elementos verticais. Por outra banda, afianzarase a seguridade das fábricas e dotarase de estanquidade aos muros e á torre mediante morteiros de cal tradicional.

 Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

A intervención contempla tamén a restauración e substitución dos elementos da carpintería exterior danados ou inexistentes, a rehabilitación das bóvedas, en particular a do presbiterio, e das revocaduras do interior da nave.


Recuperación dos bens vencellados ao Camiño

Deste xeito, López Campos destacou que “respondemos unha vez máis ao noso compromiso coa protección, preservación, mantemento e posta en valor dos bens patrimoniais en toda a Comunidade, especialmente co fin de garantir o mellor estado daqueles monumentos que se atopan nas rutas xacobeas”, como é o caso de igrexa de San Pedro, localizada ao abeiro do Camiño Francés.

Publicidade

Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!
Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!

Ademais, fixo fincapé en que se trata dun proxecto encadrado no convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude coa Diocese de Lugo para acometer distintas actuacións de conservación e restauración de inmobles eclesiásticos, e que conta coa financiación do 60% do Programa Galicia Feder 2021-2027.




Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page