As mulleres rurais de Piloño convértense en referentes de igualdade para o alumnado do CEIP
Laura Moure/Vila de Cruces
O proxecto «Os labores que sosteñen a vida, os valores que asentan igualdade» arranca cun encontro interxeracional no que cinco mulleres da contorna comparten os seus saberes, experiencias e traxectorias vitais e profesionais. Coincidindo coa celebración do Día Internacional das Mulleres Rurais, o alumnado do CEIP Cerdeiriñas de Piloño desfrutou onte dunha experiencia vivencial de encontro, escoita e aprendizaxe da man de cinco mulleres referentes da súa contorna: Lucita, Florita, Maruja, Dora e Raquel.

Esta primeira xornada do proxecto «Os labores que sosteñen a vida, os valores que asentan igualdade» desenvolveuse a través dunha sesión de oralidade na que as protagonistas compartiron os seus saberes, experiencias profesionais e historias de vida, poñendo en valor o papel fundamental das mulleres rurais na construción, no sostemento e na transformación das nosas comunidades.
A través da palabra, da memoria e do diálogo interxeracional, o alumnado tivo a oportunidade de coñecer de primeira man realidades próximas que serviron como punto de partida para reflexionar sobre a igualdade de xénero, a prevención da violencia machista, a coeducación, a corresponsabilidade, a discriminación e a integración social.
PUBLICIDADE
Recoñecer as mulleres rurais como referentes é tamén unha maneira de educar en igualdade. As súas experiencias permiten visibilizar traballos historicamente invisibilizados, cuestionar os estereotipos de xénero e recoñecer o valor dos coidados, dos saberes tradicionais e das achegas das mulleres ao desenvolvemento económico, social e cultural do territorio.
Un proxecto que une escola, familias e comunidade
O encontro de onte constitúe a primeira das actividades dun proxecto que terá continuidade cunha segunda xornada protagonizada por mulleres referentes da contorna (no día de mañá) e cun encontro específico coas familias, ampliando así os espazos de diálogo e reflexión compartida arredor da igualdade.
Ao longo destas xornadas estase a realizar un rexistro fotográfico das mulleres participantes, co obxectivo de elaborar un calendario que recolla os seus rostros e contribúa a visibilizar e recoñecer as súas achegas á comunidade.
Este calendario será entregado ao alumnado o vindeiro 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, converténdose nun recurso educativo e de memoria colectiva que permitirá manter presentes, ao longo de todo o ano, os referentes femininos próximos.
Deste xeito, o proxecto conecta dúas datas especialmente significativas, o 15 de outubro e o 25 de novembro, reivindicando a visibilidade das mulleres rurais e a importancia da educación en igualdade como ferramenta fundamental para a prevención da violencia machista.
A iniciativa aposta por unha educación arraigada no territorio, na que a escola, as familias e a comunidade se converten en axentes activos da transformación social, recoñecendo que a igualdade tamén se constrúe desde o próximo, desde a memoria compartida e desde o valor das experiencias das mulleres que nos rodean.
PUBLICIDADE
O proxecto está organizado pola ANPA Paxariñas, implementado por Sororas S. Coop. Galega e financiado pola Dirección Xeral de Promoción da Igualdade da Xunta de Galicia, no marco dunha operación con fondos finalistas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, ao abeiro da liña de axudas SI499B, dirixida ás asociacións de nais e pais do alumnado para o desenvolvemento de actuacións de promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero.
Porque os labores das mulleres sosteñen a vida, os seus saberes constrúen memoria e os seus valores asentan a igualdade.









Comentarios