As Mañás en Nugallás do día 15 trae un taller de iniciación ao coiro impartido por Santiago Besteiro
- Laura Moure

- 12 ago
- 2 min de lectura
Xa está aberto o prazo de inscrición e despois terá lugar un espectáculo de Fran Rei
Laura Moure/Antas de Ulla
E segue avanzando o verán e temos que seguir falando do Ciclo Cultural As Mañás en Nugallás, unha idea orixinal de Tarabela Creativa que ten lugar todos os sábados pola mañá de xullo e agosto no Centro Xeográfico de Galicia, en Nugallás, en Antas de Ulla. Cada xornada achega a asistentes de distintos concellos das comarcas para desfrutar en familia dun obradoiro, no que é necesario anotarse previamente, e dun espectáculo, que sempre consegue sacar máis dunha risa.
O pasado sábado os pequenos e maiores puideron aprender moito de distintas árbores co obradoiro Ei, Carballeira, de Miudiño. "A beleza de descubrir os segredos que agochan as nosas carballeiras a través dos sentidos. A importancia de saber nomear o grande e o pequeno deste ecosistema que en silencio tanto coida de nós. Un percorrido interpretativo da man de Miudiño - Xogo e cultura para naturalizar a infancia que nos aprendeu a ver os nosos carballos con ollos novos!", destacou Tarabela Creativa.

PUBLICIDADE
E falando de obradoiros, o deste vindeiro sábado, 15 de agosto, xa ten aberto o prazo de inscrición. Será de Iniciación ao coiro, impartido polo artesanán monterrosino Santiago Besteiro. "Un obradoiro pensado especialmente para participar dende os 16 anos de idade en diante. Para aprender as primeiras nocións dun oficio artesanal da man dun dos seus referentes actuais. E que, ademais, cada persoa poida crear unha peza de coiro e facer alarde dela en todas partes! Acó vos deixamos o formulario de inscrición: https://forms.gle/DmYvb7dooroLtTaL6 ", sinala a organización.
PUBLICIDADE
Pero despois de cada obradoiro, ás 12:30 horas comeza sempre un espectáculo ao que pode asistir o público en xeral, é dicir, non é preciso anotarse previamente como nos obradoiros, que si teñen prazas limitadas. O pasado sábado os asistentes aprenderon moito de costura. " Ter con nós a Marta Ortiz, de Charlatana Coop. Galega de Artistas foi un auténtico privilexio! Adentrámonos con ela no taller de varias xeracións de costureiras. Avoa, nai, filla. E contounos os contos que contaban mentres cosían! COSER E CONTAR foi un agasallo onde os obxectos cobraron vida para transportarnos ás historias! Tomounos a medida!", salienta Tarabela.

PUBLICIDADE
E este sábado o espectáculo das 12:30 horas correrá a cargo de Fran Rei con Hamelin.










Comentarios