As Festas de Verán de Silleda voltan do 10 ao 13 de xullo
- Laura Moure
- hace 1 día
- 3 Min. de lectura
O venres 11, festivo local, terá lugar a Festa do Lacón, que celebra as súas vodas de prata
Laura Moure/Silleda
As Festas de Verán de Silleda voltan ao calendario do 10 ao 13 de xullo con numerosas actividades para todos os públicos. Os festexos da capital municipal arrancarán o xoves día 10 co tradicional chupinazo dende o balcón da Casa do Concello ás 21:00 horas, ao que seguirá o concerto da banda local Distrito Dezaseis na praza Siñor Afranio. A primeira
xornada rematará ca verbena a cargo da orquestra Panorama City e o DJ Casanova.
O venres 11 de xullo, festivo local no municipio de Silleda, o lacón será protagonista. A exaltación deste produto gastronómico cumpre 25 anos en Silleda, da man da Asociación Cultural O Lacón. A xornada comezará co desfile do grupo Aires de Trasdeza ata a praza Juan Salgueiro, onde non faltará a tradicional degustación do produto ás 13:30 horas.

Ao mediodía haberá animación nos locais hostaleiros co grupo de Mariachis Sol de Galicia. Xa pola tarde chegará a actuación da charanga Os Atrevidos e a Banda Xuvenil de Silleda actuará na praza silledense antes da cea do lacón. A verbena do venres contará cas actuacións da orquestra Marbella e DJ Kintana.
O sábado arrancará ca actuación da charanga local Chourizo Criollo polas rúas da vila, a partir das 13:00 horas. Ás 19:30 horas terá lugar na praza Siñor Afranio o concerto da banda de Música municipal de Silleda, que estará acompañada pola Sociedad Instructiva Unión Musical de Montserrat, de Valencia, como formación convidada.
A verbena do sábado estará protagonizada pola orquestra La Misión, que xa actuou en Silleda nos últimos dous anos, e os DJ Carlos López e Kike Varela.
Bautismo hípico para a rapazada, orquestra Finisterre e concerto das bandas
Nas xornadas do venres (pola tarde) e durante todo o día do sábado a rapazada poderá participar en sesións de bautismo hípico no recinto Semana Verde, no marco da feira Equina, que coincide tamén ca celebración das Festas de Verán.
As festas rematarán o domingo, unha xornada protagonizada polas bandas de música popular do municipio. Así, a Municipal de Silleda e a Recreativa e Cultural de Bandeira farán o pasarrúas e o concerto na praza Siñor Afranio (19:30 horas). Na misa solemne (12:30) participará tamén a Coral Polifónica Trasdeza.
Publicidade
Para a rapazada, o domingo chegará á praza da Igrexa o espectáculo “Superharte”, con Patty Diphusa, (18:00 horas), no marco do programa Cultura no Camiño. As festas de Silleda despediránse ca actuación da Orquestra Finisterre e unha gran tirada de fogos artificiais o domingo á media noite.
O programa foi presentado onte no concello polos membros da comisión de festas que conforman Ricardo Espantoso, Pablo Fontao, Paula Rozas, Diego Peón, Sabela Ares, Rubén Fernández e Maino Ares, xunto con membros da directiva da Asociación Cultural O Lacón, que preside Arturo López. Dende o Concello tamén participaron a alcaldesa, Paula Fernández e a concelleira de Cultura, Mónica González, que agradeceron o traballo dacomisión e da asociación gastronómica silledense, así como da colaboración da veciñanza co petitorio que se iniciou hai varias semanas.
Presentación do Lacón o venres 20
Por outra banda, o vindeiro venres día 20 a partir das 20:00 horas terá lugar a presentación da XXV Festa do Lacón de Silleda na praza Juan Salgueiro, nun acto no que se dará a coñecer entre outros o cartaz desta edición especial da cita gastronómica.
Comments