top of page

As competicións de atletismo e xadrez volverán a reunir aos seus afeccionados na Semana Verde

Terán lugar na Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia de Silleda, a cal celebrará a súa 47ª edición entre os días 5 e 8 de xuño


Laura Moure/Silleda

A Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, a cal celebrará a súa 47ª edición entre os días 5 e 8 de xuño en Silleda, acollerá de novo as súas competicións de atletismo e xadrez, as cales xa se converteron nun clásico do certame con gran acollida entre os afeccionados destas disciplinas. Así, acollerá a X Carreira Popular Abanca Semana Verde de Galicia, organizada pola entidade feiral xunto coa Federación Galega de Atletismo e co patrocinio de Abanca e a colaboración de Decathlon.

A proba dará comezo ás 20:00 horas do 6 de xuño, incluíndo o seu percorrido unha pequena parte no recinto e o resto en zonas exteriores próximas ao mesmo. Establece dúas categorías, Escolar, que inclúe Pitufos, Sub 10, Sub 12, Sub 14, Sub 16 e Sub 18; e Absoluta, con Sub 20, Sub 23, Senior, Máster A, Máster B, Máster C e Máster D. Os atletas, que poden ser federados ou non, deben inscribirse ata o 4 de xuño en www.carreirasgalegas.com O custo é de 5€ para a categoría Absoluta e gratuíta para as Escolares.


Por outra banda, o Open de Xadrez Abanca Semana Verde de Galicia, levará a cabo a súa sexta edición. Será o domingo 8 de xuño e contará con cinco categorías distintas, as cales serán totalmente independentes e corresponderanse con Sub 8, Sub 10, Sub 12, Sub 14 e Absoluta. Como xa é habitual, xogarase con sistema suízo a 8 roldas mediante programa informático homologado pola Federación Internacional (4 en sesión matutina e 4 de tarde), co cal ningún xogador quedará nunca eliminado, enfrontándose en cada rolda os xogadores da mesma puntuación. Contará cun total de 2.000€ en premios e na categoría Absoluta será de novo puntuable para a clasificación internacional Elo FIDE.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Os interesados en participar no torneo poden inscribirse no formulario oficial do

evento, o cal figura en www.semanaverde.es/bases_Open_Xadrez.pdf  Poderán facelo ata o día 6 de xuño ás 20.00 horas, sendo gratuíto tanto para participantes ata 16 anos como participantes con puntuación a partir de 2.200 Elo e cun custo de 10€ para maiores de 16 anos que non conten con esa puntuación.


Citas consolidadas

A Carreria Popular Abanca Semana Verde de Galicia é xa cita obrigada para multitude de persoas de toda a Comunidade, inscribíndose na pasada edición preto de 200.


En canto ao Open de Xadrez, é un evento marcado no calendario de gran cantidade de xadrecistas, tamén de Grandes Mestres, participando noutras ocasións o serbio Aleksa Strikovic, o español Gabriel del Río, o uzbeko Ibrahim Khamrakulov, o búlgaro Vladimir Petkov, o cubano Arián González ou o galego David Lariño. Para esta edición a organización está a ultimar a inscrición de varios Grandes Mestres e Mestres Internacionais, as cales se pecharán nos próximos días.



Kommentare


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page