top of page

As Bandas de Agolada e de Silleda participarán no XIX Certame Galego de Bandas de Música

8 oct
3 min de lectura

A cita será o 10 e 11 de outubro no Pazo da Cultura de Pontevedra, no que estarán presentes 17 formacións, dez galegas e sete portuguesas, e arredor de 1.000 músicos


Laura Moure/Agolada/Silleda

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández López, participaron onte na presentación do XIX Certame Galego de Bandas de Música, organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares co apoio da Xunta de Galicia. A cita celebrarase os días 10 e 11 de outubro no Pazo da Cultura de Pontevedra, no que estarán presentes 17 formacións, dez galegas e sete portuguesas, e arredor de 1.000 músicos e músicas. Das comarcas participarán as Bandas de Agolada e Silleda.

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude colabora con este encontro, que distribuirá as actuacións en cinco seccións —infantil, xuvenil, terceira, segunda e primeira— e contará cun xurado internacional, cuxa composición se dará a coñecer ao inicio do certame. A programación favorecerá o intercambio entre as sociedades musicais de Galicia e Portugal e a difusión do traballo artístico e educativo que desenvolven as bandas durante todo o ano.


A principal novidade desta edición é a incorporación do concepto de concerto integral. Cada banda presentará unha proposta cun fío condutor e unha identidade propia, establecendo unha relación artística ou temática entre as obras do seu programa. As formacións poderán escoller entre diferentes pezas obrigadas para a súa categoría e deberán achegar unha memoria que explique a concepción do concerto.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

Este modelo permitirá valorar a actuación como unha experiencia musical global, con maior protagonismo da creatividade, da expresividade e da personalidade de cada formación. As obras obrigadas proceden de anteriores edicións do Concurso Galego de Composición para Banda de Música, conectando a creación contemporánea coa interpretación e a súa difusión nos escenarios.


Dúas xornadas con entrada de balde

O sábado 10 abrirán o certame as seccións infantil e xuvenil, ás 11.00 e ás 12.30 horas, respectivamente. Na infantil participarán a Chikiband de Xinzo de Limia, a Filarmónica Juvenil da Academia de Música da Fortaleza de Valença e a Banda Infantil da Escola de Música de Salvaterra. Na xuvenil actuarán as bandas Juvenil de Monção e Juvenil de Figueiredo.


Ás 17:00 horas será a quenda da sección terceira, coas bandas de Música de Cerdedo, Municipal de Agolada, Xuvenil de Barro, A Lira de Ribadavia e Juvenil do Vale. O domingo 11, ás 10:30 horas competirán na sección segunda a Filarmónica Artística Pombalense, a Banda Musical de Lagares, a Banda de Música Santádega de Coles e a Banda Musical de Fornos.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

A sección primeira desenvolverase o domingo ás 16:30 horas horas coa Banda de Música Municipal de Silleda, a Banda Cultural de Salceda de Caselas e a Banda Unión Musical de Meaño. A clausura e a entrega de premios e diplomas están previstas para as 20:30 horas. A entrada será de balde ata completar o aforo de 655 persoas e todas as actuacións se gravarán e retransmitirán en directo a través da canle de YouTube da Federación.


A Federación agrupa actualmente 96 bandas e máis de 6.800 persoas federadas, cunha presenza no 29 % dos concellos galegos. O 70,41 % dos seus integrantes son menores de 30 anos, un dato que amosa o papel das bandas na formación musical e no relevo xeracional. A provincia de Pontevedra concentra 56 das formacións federadas e estará representada no certame por sete bandas.


Servizo de autobús

Coa colaboración do Concello de Agolada, dende esta localidade haberá servizo de autobús para acudir ao certame.


 
 
 

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page