Perruquería Marisa.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

As Anpas de Melide, Santiso e Toques únense para esixir á Xunta a cobertura de persoal de apoio

Os pais e nais dos máis de 1000 escolares refírense á non asignación de mestras especializadas PT (pedagoxía terapéutica) e de AL (audición e linguaxe)


Laura Moure/Melide

O comezo deste curso escolar 2021-22 supuxo tamén o inicio das protestas por parte de equipos directivos, e pais e nais dos colexios dos concellos de Melide, Toques e Santiso, debido ao notable recorte do persoal de apoio que prestaba os seus servizos nos colexios. Tanto foi así, que durante o mes de setembro, todas e cada unha das anpas que representan aos tres colexios de Melide, ao Instituto, ao colexio de Toques e ao colexio de Santiso presentaron por rexistro cadansúa reclamación ante as Inspeccións educativas da Consellería de Educación. A razón destas queixas foi a insuficiente dotación de persoal de apoio nos colexios, que este ano se viu recortado.


En concreto, os pais e nais dos máis de 1000 escolares representados nestas anpas refírense á non asignación de mestras especializadas PT (pedagoxía terapéutica) e de AL (audición e linguaxe), que a Xunta de Galicia debería asignar aos centros, obedecendo directamente aos informes dos equipos de orientación de cada colexio, que avalían as necesidades do alumnado.

Nestes informes refírese a urxencia de dotación de persoal PT e AL, de xeito prioritario no caso de alumnado con necesidades especiais, que ante este recorte do plantel de profesionais, ven completamente desatendidas as súas necesidades formativas, e entran nunha profunda situación de discriminación no ámbito escolar. Ningunha das peticións formalizas polas anpas tivo resposta por parte da Consellería, tal e como sinalan.


A situación de abandono ás necesidades especiais repítese en todos os centros escolares da comarca, que agora se unen a través das súas anmpas para esixir ante a Consellería, e ante a Xefatura Territorial, a cobertura destas eivas. De xeito especial chama a atención a situación no colexio Mestre Pastor Barral (Melide), que conta cunha aula específica para a atención ás necesidades educativas especiais, pero non conta con persoal suficiente para atender aos nenos e nenas que a necesitan.


Respaldo dos Concellos

As seis anpas puxéronse tamén en contacto coas tres corporacións municipais, Melide, Santiso e Toques e obtiveron o seu total respaldo. Os tres concellos redactaron un escrito conxunto, que tamén veñen de presentar no Rexistro da Xunta de Galicia, solicitando que sexan atendidas as demandas que formalmente constan nos informes dos equipos de orientación, "e que deixan ás claras que a actuación da Xunta en materia de atención ás necesidades especiais dos máis pequenos na comarca da Terra de Melide está sendo ridícula e discriminatoria", recalcan.

304 visualizaciones0 comentarios

Entradas Recientes

Ver todo
IRS.jpg

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE