Arzúa volve ser o epicentro da festa galega das estrelas
- Laura Moure

- hace 6 minutos
- 2 Min. de lectura
AstroGalicia terá lugar os días 20 e 21 de decembro de 2025 no Multiusos Terra do Queixo
Laura Moure/Silleda
O Concello de Arzúa acollerá de novo a celebración de AstroGalicia, o encontro de referencia da astronomía en Galiza, que terá lugar os días 20 e 21 de decembro de 2025 no Multiusos Terra do Queixo. As novas datas do evento foron presentadas onte nun acto no que participaron Dositeo Veiga, en representación de Ceos Galegos, o alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, e o concelleiro de Xuventude, Daniel Moscoso.
Así a chamada festa galega das estrelas converterá por segundo ano consecutivo o municipio arzuá nun punto de encontro para profesionais, amadores e persoas curiosas polo firmamento, con charlas, obradoiros, seminarios, exposicións e observacións astronómicas abertas a todos os públicos.

A iniciativa está organizada polo proxecto Ceos Galegos, coa colaboración das principais asociacións galegas de amadores da astronomía —AstroVigo, Asociación Astronómica Rías Baixas, Club Compostelán Vega de Astronomía, Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, Asociación Astronómica Sirio e a Asociación Galega para a Comunicación e a Cultura Científica e Tecnolóxica—, e conta co patrocinio do Concello de Arzúa e o apoio do C.R.D.O.P. Arzúa-Ulloa e da Fundación Ciencia, Ceo e Cultura.
A programación dividirase en dous tipos de actividades: por unha banda, propostas abertas e gratuítas dirixidas a toda a veciñanza, e por outra, actividades formativas e prácticas con inscrición previa, nas que as persoas asociadas e os veciños e veciñas de Arzúa disporán de prezos reducidos.
A finalidade de AstroGalicia é achegar a astronomía a todos os niveis de interese, polo que o contido das palestras abertas estará sempre orientado para que as persoas sen coñecementos previos na materia poidan adquirir nocións básicas e iniciarse neste campo científico.
Publicidade
“Escollemos repetir en Arzúa polo grande éxito da pasada edición, que superou todas as expectativas e contou cunha importante participación tamén de público alleo aos colectivos organizados. Arzúa ten unha posición estratéxica moi cómoda, está ben conectada, conta cunha veciñanza participativa e cun Concello que nos ofreceu todas as facilidades”, explicou Dositeo Veiga, en representación de Ceos Galegos.
O alcalde Xoán Xesús Carril agradece a confianza depositada de novo en Arzúa: “É unha honra que o noso municipio volva ser o epicentro desta cita que une ciencia e divulgación, fomentando o coñecemento e o encontro no noso concello entre persoas de diferentes puntos do mundo.”
A programación completa presentarase nas vindeiras semanas, xunto coa información necesaria para realizar as inscricións. Ata entón, só queda mirar ao ceo… e ir collendo forzas para esta nova edición da festa das estrelas.






Comentarios