Arzúa deu o pistoletazo de saída á I Media Maratón “Os 21 do Galo Piñeiro”
- ecosdacomarca

- 3 ago
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Comarca de Arzúa
O alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, foi o encargado de dar o pistoletazo de saída oficial á primeira edición da media maratón “Os 21 do Galo Piñeiro”, unha proba deportiva que une Arzúa e O Pino seguindo o trazado do Camiño Francés. A saída tivo lugar este sábado 2 de agosto fronte á capela da Madanela, no corazón do municipio arzuán.

A cita deportiva, contou cunha notable participación de corredoras, corredores e persoas asistente e cun itinerario que combina natureza, patrimonio e deporte. A proba principal, de 21 quilómetros, partiu ás 19:30 horas desde Arzúa e rematou nas inmediacións da casa consistorial do Pino. O programa incluíu tamén unha carreira de 8 km, así como dúas probas para a mocidade.
Publicidade
O evento foi promovido pola Sociedade Deportiva Compostela-Tambre-Lengüelle e o Concello do Pino en colaboración co Concello de Arzúa e Xunta de Galiza, e coincidiu co festival “Galo Piñeiro”, que busca dinamizar a comarca cunha proposta que mestura cultura, gastronomía e actividade física. No pistoletazo de saída, ademais de Xoán Xesús Carril, estivo presente o alcalde do Pino, Manuel Taboada.
Publicidade
Desde o Concello de Arzúa, o alcalde Xoán Xesús Carril agradeceu á organización e ao Concello do Pino que escollesen Arzúa como punto de saída da proba, e sinalou:
“Grazas por contar con Arzúa para dar comezo a Os 21 do Galo Piñeiro. Este tipo de iniciativas poñen en valor o deporte como ferramenta de conexión entre a veciñanza, como motor de dinamización local e como vía para promover e visibilizar o noso patrimonio material e inmaterial. Desexámoslle moitas edicións máis a esta carreira que agardamos que xa quede como unha cita fixa no calendario deportivo galego.”








Comentarios