Arzúa consolídase como referente do turismo de interior en Galicia
A Oficina de Turismo contabiliza 1.262 visitas entre xuño e setembro e constata un crecente interese polo turismo rural, o sendeirismo e a gastronomía
Laura Moure/Arzúa
Arzúa pecha a tempada turística de verán de 2026 cun balance positivo da actividade rexistrada na súa Oficina de Turismo e cun crecente interese das persoas visitantes por
coñecer o municipio máis alá da súa vinculación tradicional co Camiño de Santiago. Entre xuño e setembro, a Oficina de Turismo contabilizou 1.262 visitas de turistas, unha cifra que
reflicte a evolución favorable do destino e o interese por propostas relacionadas coa natureza, o patrimonio, a gastronomía, o sendeirismo e o turismo rural.
A concelleira de Turismo de Arzúa, Begoña Balado, destaca que estes datos amosan “a capacidade de Arzúa para ofrecer ás persoas visitantes unha experiencia moito máis ampla que o propio paso polo Camiño de Santiago”. “O Camiño forma parte esencial da nosa identidade e continúa sendo un dos nosos grandes activos, pero queremos que quen chega a Arzúa descubra tamén as nosas paisaxes, a nosa gastronomía, as nosas rutas, o noso patrimonio e todo o que ofrece o municipio durante os doce meses do ano”, sinala Balado.

Maior interese pola natureza e o turismo rural
Durante os últimos meses, a Oficina de Turismo observou un crecente interese polas propostas vinculadas coa natureza e coa contorna rural. As persoas visitantes demandan información sobre rutas de sendeirismo, espazos naturais, recursos culturais e lugares que permitan coñecer o territorio con maior profundidade.
Tamén se aprecia unha maior presenza de visitantes durante as fins de semana e de viaxeiros procedentes de diferentes puntos de España, ademais do turismo de proximidade. “Cada vez atopamos máis persoas que non chegan unicamente para facer unha parada, senón que queren saber que poden visitar, onde poden comer, que rutas poden percorrer ou que outros lugares poden descubrir en Arzúa e na súa contorna”, explica a responsable municipal de Turismo.
Para Balado, esta evolución “confirma que existe unha oportunidade para seguir construíndo un modelo turístico ligado á identidade propia de Arzúa, aos seus recursos naturais e culturais e a un turismo sostible que xere actividade tamén fóra dos momentos de maior afluencia”.
PUBLICIDADE
Arzúa Camiña consolida o sendeirismo como recurso turístico
Un dos principais eixos da programación turística deste ano é Arzúa Camiña 2026, iniciativa posta en marcha en setembro para dar a coñecer as paisaxes, o patrimonio e algúns dos recunchos menos coñecidos do municipio a través de diferentes rutas de sendeirismo.
O programa está a rexistrar unha media aproximada de 30 participantes por ruta, cunha resposta especialmente positiva entre veciños e veciñas das comarcas próximas e participantes procedentes de Santiago de Compostela. “Arzúa Camiña demostra que temos recursos con capacidade para atraer tanto á nosa veciñanza como a persoas doutros municipios que queren gozar dunha xornada en contacto coa natureza e coñecer lugares que moitas veces quedan fóra dos percorridos máis habituais”, afirma Begoña Balado.
A concelleira considera que o sendeirismo pode desempeñar “un papel moi importante na
diversificación da nosa oferta turística, porque permite poñer en valor o territorio dunha maneira respectuosa e, ao mesmo tempo, contribúe a xerar interese por Arzúa durante distintas épocas do ano”.
A nova Oficina de Turismo, porta de entrada ao municipio
A nova localización da Oficina de Turismo na antiga Casa de Correos de Arzúa reforzou o seu papel como espazo de recepción, orientación e información para as persoas visitantes. Desde este punto ofrécese información sobre rutas, patrimonio, gastronomía, aloxamentos, establecementos de restauración, actividades e outros recursos turísticos, ademais de atender peregrinos, turistas, grupos organizados e visitantes de municipios próximos. “A Oficina de Turismo debe ser unha porta de entrada a todo o que Arzúa pode ofrecer. Queremos que calquera persoa que entre poida saír de alí con propostas adaptadas aos seus intereses e con ganas de dedicar máis tempo a coñecer o noso municipio”, subliña Balado.
A programación desenvolvida no edificio e as súas salas de exposicións contribúen, ademais, a ampliar a experiencia de quen visita este espazo. O Camiño mantén o seu peso e amosa unha distribución máis ampla das visitas. O Camiño de Santiago continúa ocupando un lugar central na actividade turística do municipio.
Durante o período analizado, a Oficina de Turismo atendeu arredor de 12.200 peregrinos.
Este rexistro non é directamente comparable co da tempada anterior, xa que os períodos de contabilización son diferentes. En 2026, os datos comezaron a recollerse a mediados de xuño, mentres que en 2025 o período estatístico abranguera desde mediados de maio ata mediados de novembro. Durante os meses centrais do verán observouse unha menor chegada de peregrinos, especialmente en xullo, mentres que setembro e o inicio de outubro presentan unha evolución favorable. Este comportamento apunta a unha distribución da afluencia máis repartida ao longo do ano.
PUBLICIDADE
“O obxectivo non é elixir entre o Camiño e outras formas de turismo. Todo o contrario: queremos aproveitar a enorme capacidade de atracción do Camiño para amosar que Arzúa merece ser descuberta con máis tempo”, sinala a concelleira.
Begoña Balado engade que “a nosa aposta pasa por un turismo diversificado e sostible, no que convivan o Camiño de Santiago, o turismo rural, a gastronomía, a natureza, a cultura e as actividades que permiten descubrir o territorio”.
Con esta estratexia, o Concello de Arzúa busca seguir fortalecendo o posicionamento do municipio como un destino con identidade propia e con propostas capaces de atraer visitantes durante todo o ano.









Comentarios