O acto de inicio será ás 13:30 horas e os traballos desta primeira fase, cun investimento de 1, 6 millóns de euros, foron adxudicados á UTE Orega- Coviastec
Laura Moure/Silleda
As obras de reforma para a nova Casa Consistorial de Silleda darán comezo hoxe, xoves. A reforma da actual Casa da Cutlura, sita na rúa Progreso, é unha das obras máis destacadas desta lexislatura, cun investimento para esta primeira fase por importe de
1.628.012,83 euros. A empresa adxudicataria é a UTE formada por Orega e Coviastec, que
asumiron o proxecto cun prazo de realización dos traballos de 10 meses.

O acto de inicio dos traballos terá lugar mañá xoves ás 13:30 horas, co tradicional soterramento da cápsula do tempo, un acto simbólico para este comezo das obras. O traslado e centralización de todas as dependencias municipais vén a culminar un longo proceso que se iniciou en 2017 ca consulta popular á veciñanza, a fin de unificar todos os servizos logrando un maior aforro e operatividade da Administración Local.
Nesta primeira fase dos traballos, que contan ca aportación da Deputación de Pontevedra a través do programa Reacpon, cunha achega de 713.000 euros, e da Xunta de Galicia, con case outros 250.000 euros, reformarase o interior do edificio que ocupa unha parcela de algo máis de 1.000 metros cadrados de superficie. Ademais da redistribución, mellora de servizos e instalacións, o edificio recuperará a súa fachada orixinal.
Nunha segunda fase está previsto acometer un novo edificio na parte traseira, onde tamén se construirá un aparcamento soterrado, con acceso dende a rúa Morón. Todos os servizos e dependencias municipais serán trasladados a esta nova e céntrica ubicación, logrando non só un maior aforro e eficiencia, senón tamén para maior comodidade da veciñanza.
Entre o edificio central e o anexo situarase ademais un gran patio interior, con elementos naturais e con representación simbólica das 33 parroquias que forman o termo municipal.
"Arranca un proxecto necesario que por fin sae adiante: a nova Casa Consistorial de todos os veciños e veciñas de Silleda”, engade o alcalde, Manuel Cuiña.
留言