Conta con 20 desempregados de Rodeiro, Agolada e Dozón
Laura Moure/Deza

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participou onte na inauguración do obradoiro dual de emprego Terras de Camba I’, no concello de Rodeiro. Trátase dun obradoiro no que colaboran tamén os concellos de Dozón e Agolada e que
formará a 20 persoas desempregadas nas especialidades de auxiliar de albanelería e
revestimentos en construción e auxiliar en conservación e mellora de montes, repoboacións forestais e tratamentos silvícolas.
Este obradoiro, que terá unha duración aproximada nove meses, é posible grazas a un
investimento da Xunta de preto de 412.000 euros. Así, o alumnado recibirá a formación
necesaria para poder desenvolverse nas súas áreas, ademais de contar con prácticas
remuneradas durante toda a duración do curso.
Publicidade

Cabe destacar que estas prácticas reverterán a favor dos seus concellos, xa que os
participantes realizarán traballos dentro dos seus municipios. Así, está previsto que os
estudantes de albanelería traballen na mellora das fontes da Costa; A Guillerma; e Outeiro de Reis, entre outras. Ademais tamén hai propostas actuacións no lavadoiro de Vilanova,
en Agolada, ou no palco de música do Couto, en Rodeiro.
Pola súa banda, prevese que os estudantes da rama forestal traballen na limpeza de
espazos naturais; nas áreas recreativas de Coitimil e Santa Comba, en Agolada; ou na
praia fluvial de Sanguiñedo, en Dozón, entre outros lugares.
Publicidade
O delegado territorial utilizou a súa intervención para felicitar a todos os participantes por
ter sido seleccionados para este obradoiro e lembrou que van “formarse en áreas que
teñen unha gran demanda de traballadores neste momento”. Neste sentido, Reguera
destacou a importancia de “contar cuns participantes motivados e dispostos a aproveitar
estes nove meses de formación”.
Comments