Arranca en Escuadro o primeiro centro dinamizador para abrir o centro social todos os días
- Laura Moure

- hace 8 horas
- 3 min de lectura
O Concello impulsa esta experiencia piloto en colaboración coa Asociación de Mulleres de Escuadro, coa apertura diaria do local, actividades ao longo do ano, un servizo complementario para a veciñanza e a posta en uso da Aula da Natureza
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda poñerá en marcha en Escuadro o primeiro Centro Dinamizador da rede Silleda Dinamiza, unha experiencia piloto coa que o goberno municipal quere avanzar nun novo modelo de uso dos centros sociais das parroquias: espazos abertos con máis frecuencia, con actividade continuada e cun papel máis presente na vida diaria
da veciñanza.
A iniciativa desenvolverase en colaboración coa Asociación de Mulleres de Escuadro, entidade que ten cedido o uso do edificio do centro social no que se localizan a cociña, unha sala de usos múltiples e o espazo no que funcionará este novo centro dinamizador. A asociación viña desenvolvendo xa neste local actividades sociais, comunitarias, formativas e de dinamización veciñal, dirixidas principalmente ás súas socias e ás persoas participantes nas súas propostas.

O proxecto permitirá que o centro social de Escuadro conte cunha apertura diaria e funcione como un lugar de encontro estable para a parroquia. A finalidade é que a veciñanza dispoña dun espazo no que poder reunirse, conversar, participar en actividades, compartir tempo e facer vida social sen depender exclusivamente de actos ou convocatorias puntuais.
A posta en marcha do Centro Dinamizador de Escuadro enmárcase en Silleda Dinamiza, o programa municipal co que o Concello busca reforzar a vida nas parroquias a partir dos recursos xa existentes: centros sociais, equipamentos municipais, tecido asociativo e demandas trasladadas pola propia veciñanza. “Escuadro será o primeiro paso dun modelo co que queremos aproveitar mellor os espazos que xa temos. Non se trata de construír novos edificios, senón de abrir máis tempo os que existen, darlles contido e facer que sexan útiles no día a día”, sinala a alcaldesa, Paula Fernández Pena.
O novo funcionamento incluirá unha programación de actividades ao longo do ano, con propostas que poderán abranguer charlas, obradoiros, encontros veciñais, actividades culturais, accións interxeracionais, iniciativas relacionadas coa saúde, o benestar, a natureza ou a participación comunitaria. O centro estará coordinado por Xiomara Beatriz Contreras, socia do colectivo de Mulleres Rurais Santa Isabel de Escuadro, que preside Nieves Fernández Míguez.
PUBLICIDADE
Como complemento a esa actividade diaria, o centro poderá contar con consumicións sinxelas e produtos básicos de apoio ao funcionamento ordinario do espazo. Este servizo terá carácter accesorio e estará vinculado á finalidade principal da iniciativa: favorecer o encontro, a convivencia, a participación e a dinamización social da parroquia.
Escuadro conta, ademais, con dous edificios sociais situados na mesma contorna. Nun deles está o centro social cedido á Asociación de Mulleres. No outro atópase a Aula da Natureza, de titularidade municipal. Coa posta en marcha do Centro Dinamizador, esta aula permanecerá tamén aberta, limpa e en condicións de uso durante o horario de funcionamento do centro, o que permitirá aproveitar mellor o conxunto dos equipamentos existentes.
A alcaldesa destaca que esta experiencia piloto “nace dunha demanda real da parroquia” e subliña que o obxectivo é “facilitar que a veciñanza teña un punto de encontro diario sen ter que desprazarse e sen limitar a vida social da parroquia a momentos concretos”.
“Queremos parroquias con vida, con espazos abertos e con actividade. E iso conséguese traballando co tecido asociativo, escoitando o que demanda a xente e buscando solucións adaptadas a cada lugar”, afirma Fernández Pena.
O Concello considera que a colaboración coa Asociación de Mulleres Santa Isabel de Escuadro será clave para o desenvolvemento desta primeira experiencia, tanto polo seu papel no uso do edificio como pola actividade que xa vén realizando na parroquia. A entidade solicitou a posta en marcha do Centro Dinamizador como actividade complementaria ao uso social do local e coa finalidade de favorecer o encontro, a convivencia, a participación e a dinamización social de Escuadro.
PUBLICIDADE
A experiencia permitirá tamén avaliar novas fórmulas de apertura e funcionamento dos centros sociais, co obxectivo de estudar a súa posible adaptación a outras parroquias do municipio no marco de Silleda Dinamiza. “Esta é a idea de Silleda Dinamiza: non facer actuacións illadas, senón poñer en marcha ferramentas que sirvan para activar a vida das parroquias, reforzar os espazos comunitarios e xerar dinámicas que teñan continuidade”, conclúe a alcaldesa.
Apertura o vindeiro xoves día 10
O centro estrenarase o vindeiro xoves día 10, cun acto aberto á veciñanza que comezará ás 17:00 horas e se prolongará ata as 23:00 horas. Ao longo da tarde as persoas que o desexen poderán achegarse ata o local de Escuadro que a partir de agora estará aberto todos os días. Nesta xornada de apertura actuará tamén, ás 20:00 horas, o grupo local de música tradicional O Son da Fervenza, que poñerá a nota musical a esta iniciativa.








Comentarios