Ecos da Comarca/O Pino
Arde unha cabana dun complexo hoteleiro no Pino sen que ningunha persoa resultara afectada, tal e como informa o 112 Galicia.
A construción de planta baixa consta de catro habitacións, das cales só unha se salvou, aínda así, segundo informaron os Bombeiros de Arzúa tras rematar o seu traballo, tamén resultou afectada polo fume.
Afortunadamente, non houbo que lamentar danos persoais. Os inquilinos que estes días se hospedaban no lugar foron distribuídos polas restantes cabanas que compoñen o complexo e que, no momento de comezar as chamas, tiveron que desaloxar.
O 112 Galicia tivo constancia do lume, ao fío das 13:30 horas de hoxe, grazas á chamada dun particular que informaba dunha cabana ardendo no lugar de O Pino, moi preto da igrexa, no concello do O Pino. Aseguraba que non había persoas afectadas, posto que as persoas que se atopaban no interior xa saíran para fóra.
Decontado, os xestores do 112 pasaron aviso aos Bombeiros de Arzúa. Igualmente, foron avisados tamén polo 112 Galicia os de Santiago e os axentes da Garda Civil. Sobre as dúas desta mesma tarde, os Bombeiros daban por finalizada a súa intervención. Polo momento, descoñécense as causas da orixe do lume.
Comments