As intervencións consisten na dotación de marquesiñas, na mellora da accesibilidade con ramplas e información en braille e no incremento da visibilidade e iluminación
Laura Moure/Xeral
O Consello da Xunta aprobou este xoves o proxecto de mellora da accesibilidade e conectividade de 65 paradas de autobús situadas en 10 concellos das contornas da Coruña e de Santiago de Compostela que suporán un investimento de preto de 2,6 millóns de euros. O Goberno galego tamén deu conta da aprobación dos trámites de información pública e do informe das administracións afectadas para desenvolver estes proxectos nos concellos de Abegondo, Betanzos, Cambre, Carral, Curtis, Oza-Cesuras, Boimorto, Melide, Mesía e Ordes.
A aprobación definitiva do proxecto inclúe, tamén, a declaración de utilidade pública para desenvolver estes proxectos nun total de 9 estradas de titularidade autonómica (AC-621, AC-211, AC-213, AC-221, AC-230, AC-400, AC-524, AC-542 e AC-840).
Estas intervencións afectarán un total de 66 predios, polo que se dispón tamén a urxente ocupación para levar a cabo as intervencións. A superficie de expropiación definitiva é de 3.587,30 m2 . A Xunta prevé licitar as obras e convocar o levantamento de actas previas das expropiacións no cuarto trimestre deste ano 2023, para comezar os traballos na primavera.
En concreto, con este proxecto para actuar no ámbito das rutas de acceso polo norte á cidade da Coruña, melloraranse 15 paradas en Abegondo; 11 en Betanzos; 22 en Cambre; 1 en Carral; 3 en Curtis; 9 en Oza-Cesuras; 1 en Boimorto; 1 en Melide; 1 en Mesía e 1 en Ordes. As actuación proxectadas comprenderán o acondicionamento dos carrís para a parada do autobús, a mellora da accesibilidade e a pavimentación da contorna coa execución de sendas ou beirarrúas. Tamén se prevé a instalación de novas marquesiñas, ademais de actuacións complementarias de drenaxe, condución de servizos ou colocación de varandas para protexer os usuarios aí onde poida haber desniveis.
Publicidade
No marco destas intervencións, en primeiro lugar, priorízase a localización óptima destas infraestruturas, en tramos rectilíneos e con visibilidade, en treitos nos cales a pendente da estrada é menor, próximas aos itinerarios accesibles e en zonas iluminadas. As intervencións que se acometerán nas paradas consistirán en melloras do equipamento, como a dotación de marquesiñas, postes, bancos ou apoio isquiático.
Tamén se levará a cabo a mellora da accesibilidade para peóns, en xeral, e para persoas con mobilidade reducida, a través de medidas como a conexión das paradas cos itinerarios peonís, a execución de ramplas de acceso, información en braille ou pavimento podotáctil. As obras incluirán medidas de seguridade, como a eliminación de vexetación, a mellora da visibilidade e da iluminación ou a ampliación do espazo ao redor das paradas.
As actuación tamén prevén o reforzo da información e da sinalización, colocando planos de situación e percorridos ou sinais indicativos das paradas. Como resultado da información pública, incluirase nas actuacións a subministración e instalación dun refuxio adicional para unha parada na costa da Tapia, no concello de Cambre. O obxectivo do Goberno galego con estas intervencións é incrementar a captación de usuarios das zonas rurais afastadas dos grandes núcleos no uso do transporte público, fomentando a diminución do uso dos movementos de curto e medio percorrido en transporte privado, con orixe ou destino nas cidades de maior poboación, o que redundará nunha diminución das emisións de xeito gradual. Estes proxectos forman parte do Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús nas estradas autonómicas, co cal a Xunta ten previsto investir arredor de 35 M € para a mellora de 1.100 paradas en toda Galicia.
Os proxectos están financiados ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia da Unión Europea–NextGenerationEU e enmárcase no Plan de infraestruturas da Xunta para unha mobilidade segura, verde e intelixente.
Comments