top of page

Antas, Cruces, Rodeiro, Toques e Touro reciben axudas para minimizar as perdas de auga

A Xunta apoia a un cento de concellos con este fin


Laura Moure/Xeral

A Xunta de Galicia concede a máis de 100 concellos galegos axudas destinadas á execución de actuacións para minimizar as perdas de auga nos seus territorios. O interese nesta convocatoria fixo que Augas de Galicia tivese que ampliar de 2,5 millóns ata os 4,35 millóns de euros o orzamento asignado á convocatoria de 2025 das axudas para executar actuacións destinadas a minimizar as fugas con obras en redes municipais. Das comarcas figuran os concellos de Antas de Ulla, Rodeiro, Vila de Cruces, Toques e Touro.

ree

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou hoxe a resolución de Augas de Galicia pola que se fan públicas as subvencións concedidas, en réxime de concorrencia non competitiva, da que resultaron beneficiados un total de 105 concellos, dos que 14 recibirán a contía máxima prevista de 45.000 euros.


O obxectivo principal desta orde de subvencións plurianual —financiada no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia con fondos da UE a través do NextGenerationEU— é darlle continuidade ao traballo realizado naqueles concellos que xa contan cunha auditoría feita sobre as súas redes de abastecemento.


Neste sentido, as administracións locais beneficiarias recibirán achegas coas que poderán cubrir o custo daquelas obras identificadas como máis eficaces para optimizar o funcionamento das súas redes de abastecemento e que permitirán reducir ao mínimo as perdas de auga detectadas nos propios sistemas.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Cómpre lembrar que esta orde de axudas forma parte do paquete de incentivos que cada ano convoca o organismo hidráulico no marco da súa liña de apoio técnico e económico ás entidades locais no exercicio das súas competencias hidráulicas. De feito, das oito ordes convocadas por Augas en 2025, cinco ían dirixidas especificamente aos concellos e foron tamén as de maior éxito, cun balance de máis de 230 axudas concedidas por un importe de 6,4 millóns de euros (é dicir, un 150% máis que en 2024).


O resto de convocatorias tiñan como obxectivo apoiar a particulares, comunidades de usuarios que se ocupan do mantemento das súas propias traídas de auga e asociacións ambientais na mellora de distintos tipos de sistemas de abastecemento e saneamento.


A xestión do abastecemento e do saneamento de auga en Galicia constitúe unha competencia municipal segundo establece a lexislación básica estatal. Porén, a realidade técnica e económica de moitos concellos, especialmente os máis pequenos ou con poboacións dispersas, impide que poidan afrontar con autonomía os retos crecentes neste eido. Conscientes desta situación, o organismo hidráulico vén prestando desde hai anos un apoio estratéxico e sostido aos concellos.



Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page