Laura Moure/Silleda
A Xunta Directiva da Asociación Amigos da Empanada da Bandeira convoca unha reunión de persoas asociadas de máxima urxencia que terá lugar o vindeiro luns 18 de setembro ás 20:00 horas no Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira.
A Festa da Empanada é un dos eventos gastronómicos máis significativos de Galicia. Dende hai case cincuenta anos, a vila silledense da Bandeira reúne no mes de agosto a miles de persoas atraídas por unha completa programación cultural e gastronómica totalmente gratuíta e para todos os públicos.
Publicidade
Se ben a Festa da Empanada comezou a súa andaina no ano 1974 nun venres, anos despois a organización decidiu trasladala de xeito definitivo ao terceiro sábado de agosto. Nos últimos anos, a Asociación Amigos da Empanada mantivo como data de celebración habitual o terceiro fin de semana de agosto, pero en determinadas ocasións apostou por trasladala ao cuarto. Así sucedeu por exemplo no ano 2019, mes que contaba cun total de cinco sábados. Nese momento, a Xunta Directiva expuxo ás persoas asociadas os beneficios de celebrar a Festa da Empanada do 21 ao 25 de agosto en lugar do 14 ao 18, datas marcadas por un festivo a nivel nacional e cuns custos máis elevados.
A historia repítese e no ano 2024 volve a producirse a mesma situación que ocorría no 2019. Por este motivo, Amigos da Empanada convoca unha Asemblea Extraordinaria co obxecto de dar unha solución definitiva a un problema que xorde en anos nos que o mes de agosto ten cinco fins de semana. “Quizais o máis operativo sexa recollelo nos estatutos e que estes sinalen o penúltimo sábado de agosto e non o terceiro” sinala Beatriz Cuiña, actual secretaria da entidade.
Publicidade
Andrés Seoane, presidente da asociación, apunta que a Festa da Empanada foi aumentando os seus días de celebración ata os cinco da actualidade, de mércores a domingo, e non se descarta que no futuro a celebración tamén se amplíe ao luns e o martes. “Por este motivo, sería convinte dar unha resposta ordinaria a estas situacións nas que a festa cae tan baixa como no 2024, 2025 e 2026”. A urxencia na convocatoria da Asemblea xustifícase na necesidade de comunicar ao Concello de Silleda as datas da XLVIII Festa da Empanada para que esta entidade poida fixar as festividades locais do ano 2024. Para abordar este problema e atopar unha solución adecuada, a Asemblea busca obter a opinión e o consenso dos socios e socias da asociación.
Podedes seguir todos os detalles desta festa na súa web: https://www.festadaempanada.org/
Comments