Amicos clausura o curso sobre intelixencia artificial impartido en Silleda
- Laura Moure

- hace 6 días
- 2 Min. de lectura
A formación, dirixida a poboación xeral interesada en ampliar os seus coñecementos neste
ámbito, contou coa participación de 15 alumnos e alumnas
Laura Moure/Silleda
A asociación Amicos celebrou o venres o acto de peche do curso de Intelixencia Artificial, que a entidade realizou en Silleda durante máis dunha semana. Os e as participantes recolleron os seus diplomas durante esta última xornada do curso, conducida polo técnico de orientación laboral de Amicos na zona do Deza e Tabeirós, Pablo Penide, e Cristina Torres, docente e técnica de formación da entidade.

A formación, dirixida a poboación xeral interesada en ampliar os seus coñecementos neste
ámbito, contou coa participación de quince alumnos e alumnas. Moitos deles, usuarios da área de Formación e Emprego de Amicos, participan no servizo individualizado de orientación laboral e formativa que ofrece a asociación, así como dun seguimento personalizado por parte dos técnicos laborais da súa situación para favorecer as súas posibilidades de inserción.
Así, a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, agradeceu a posta en marcha desta acción formativa no municipio, destacando a importancia de achegar iniciativas deste tipo á veciñanza e de apostar por ámbitos con tanto futuro como a intelixencia artificial. Asemande, recoñeceu o esforzo e a implicación do alumnado ao longo do curso.
PUBLICIDADE

Pola súa banda, o técnico de orientación de Amicos, Pablo Penide, destacou que “desde a
Asociación Amicos cremos que este tipo de cursos son fundamentais hoxe en día. A intelixencia artificial xa forma parte da nosa realidade, e con esta formación buscamos que as persoas non só entendan que é, senón que tamén saiban como utilizala para mellorar as súas oportunidades persoais e profesionais”.
“Neste caso”, engadiu Penide, “apostamos por unha modalidade presencial que permite un acompañamento máis próximo e adaptado ás necesidades de cada persoa. A presencialidade fixo que o proceso de aprendizaxe sexa máis humano, participativo e accesible para todos e todas”.
Publicidade
Amicos, persoas que apoian a persoas
Amicos é unha organización sen ánimo de lucro que busca xerar oportunidades e ofrecer apoios ás persoas con discapacidade intelectual, trastornos do espectro autista, e parálise ou dano cerebral, así como ás súas familias. Con este obxectivo, traballa para conseguir a inclusión de cada persoa como cidadán de pleno dereito e apoiar os seus proxectos de vida, así como para promover a construción dunha comunidade diversa con conciencia medioambiental e respectuosa co seu patrimonio e cultura.
Amicos desenvolve a súa actividade cun modelo de intervención no que as persoas, familias e a comunidade ocupan o centro. Para iso conta con persoas, medios, recursos económicos e alianzas para o seu desenvolvemento efectivo.







Comentarios