Amarai crea unha liña de merchandising como apoio aos seus proxectos sociais
- Laura Moure

- hace 11 horas
- 2 Min. de lectura
A iniciativa busca dar visibilidade e participación das persoas con discapacidade
Laura Moure/C.Arzúa/T.de Melide
A Asociación Amarai (Asociación de Persoas con Discapacidade e Apoio á Integración das Comarcas de Arzúa e Terra de Melide) presenta o seu segundo produto de merchandising, unha nova iniciativa coa que a entidade continúa apostando pola inclusión social e pola visibilización do traballo que desenvolve con persoas con discapacidade.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Este novo lanzamento forma parte da estratexia da asociación para reforzar a súa sustentabilidade e dar a coñecer os seus proxectos, ao tempo que promove valores como a diversidade, a participación e o compromiso social. O merchandising convértese así nunha ferramenta non só de financiamento, senón tamén de sensibilización da sociedade.

O primeiro produto trátase dun bolígrafo coa imaxe dun astronauta en silla de rodas na lúa coa frase “Xa temos chegado máis lonxe”, para facer referencia a que o ser humano foi quen de viaxar ao espazo e aínda temos que pelexar para conseguir unha igualdade de dereitos que, aparentemente, debería ser moito máis sinxelo que argallar toda a artillería aeroespacial.
O segundo é unha pulseira que fai referencia a que todos deberíamos ter as mesmas oportunidades, a través da frase “Ou todxs ou ninguén”, co fin de crear unha sociedade
na que todos/as teñamos cabida, na que ninguén quede atrás.
Publicidade
Desde Amarai destacan que este segundo produto supón un paso máis na consolidación da iniciativa, tras a boa acollida do primeiro artigo lanzado pola entidade. Ademais, o proxecto busca implicar á comunidade e facer partícipes ás persoas usuarias da asociación, favorecendo a súa visibilidade e recoñecemento social.
Os fondos recadados coa venda deste novo produto destinaranse a apoiar os programas e actividades que Amarai desenvolve no seu traballo diario con persoas con discapacidade, contribuíndo á mellora da súa calidade de vida e á construción dunha
sociedade máis xusta e inclusiva. Pódense mercar a través das súas redes sociais
(@crdamarai ou Amarai Asociación), na súa páxina web ou no 630 785 859.
Publicidade
Con este lanzamento, a Asociación Amarai reafirma o seu compromiso cun modelo
social baseado na igualdade de oportunidades e na participación activa de todas as
persoas.








Comentarios